O novo mamógrafo dixital instalado na Parda xa explorou a 1.600 mulleres

Entre as vantaxes que presenta esta tecnoloxía destaca a mellora da calidade da súas imaxes

O novo mamógrafo dixital do centro de saúde da Parda xa explorou a 1.600 mulleres de entre 50 e 69 anos. A posta en funcionamento desta tecnoloxía culminou o proceso de dixitalización do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama da Consellería de Sanidade na área de Pontevedra. Así, este novo aparato forma parte do convenio de colaboración da Fundación Amancio Ortega co Servizo Galego de Saúde para a adquisición de equipamento tecnolóxico de última xeración, por valor de 17 millóns de euros. A Unidade de detección precoz do Cancro de Mama de Pontevedra presta cobertura a unha poboación diana de 30.000 mulleres na comarca (23.500 na unidade de mañá e 6.500 na de tarde). 

O novo mamógrafo dixital instalouse unha vez rematadas as obras de acondicionamento que executou o Sergas na Parda e comezou a funcionar a mediados de agosto en quenda de mañá, mentres que dende mediados de setembro desenvolve a súa actividade de luns a venres, en dobre xornada de mañá e tarde. 

Este novo emprazamento contempla melloras significativas, xa que agora se dispón dunhas instalacións totalmente renovadas, cun maior grao de confort e accesibilidade. 

Entre as vantaxes que presenta esta tecnoloxía destacan a mellora da calidade da súas imaxes, que poden axudar a aumentar a sensibilidade e especificidade do programa, especialmente en mulleres premenopáusicas ou con mamas moi densas.

Comentarios