O outro 'hit' do verán

O obradoiro de música electrónica de Ponteverán pecha as súas portas coa creación dunha canción e un videomapping
Rapazas e rapaces participantes do proxecto. JAVIER CERVERA
photo_camera Rapazas e rapaces participantes do proxecto. JAVIER CERVERA

O conxunto de mozos e mozas de entre 13 e 16 anos que participaron no campamento music-lab puxeron fin a esta experiencia por todo o alto: coa creación dunha composición musical propia. Utilizando programas de ordenador e móbil e, a partir dunhas bases rítimicas creadas dende unha aplicación, foron engadindo elementos e instrumentos ata conseguir a canción que eles tiñan en mente. Como colofón a este proxecto, fixeron un muro onde proxectaron un videomapping mentres tocaban a súa composición.

Sen embargo, Diego Parajó, director do Local de Música, afirmou que "o máis importante de todo isto non é tanto o resultado final senón o proceso de convivencia intensa que viviron estes 16 nenos". Ao longo destes días, "os cativos traballaron a base de retos", asegurou o mesmo. Unha das propostas foi a creación dun concepto de mapa sonoro de Pontevedra. Os rapaces responderon á mesma con ideas como unha aplicación para visitar Pontevedra en clave dunha persoa cega,puidendo disfrutar dos sons patrimoniais máis característicos, ou a creación dun itinerario sonoro en realidade aumentada baseado no videoxogo Pokemon Go.

Os cativos traballaron a base de retos

Durante estas xornadas revisaron un conxunto de entre 15 e 20 aplicacións relacionadas co mercado musical e foron analizando cales lles gustaban máis e cales menos. Tamén se introduciron un pouco nas prácticas de DJ. O resultado desta actividade foi moi positivo. "Amósanche un pouco o mundo da música máis contemporáneo e ensináronnos que calquera pode meterse e disfrutar dela", asegurou Manuel, un dos cativos que formou parte do campamento.

Segundo Alberto Oubiña, concelleiro de Xuventude, "é unha maneira de que se visualicen instalacións como esta e que nun futuro, se lles interesa a música, saiban que poden contar con elas". Mentres tanto as actividades, no ámbito de Ponteverán, continúan esta fin de semana co Roteiro etnográfico e ambiental polo río Almofrei.

Comentarios