jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

"O que arde' é un filme que perdurará"

Detalle dun fotograma de 'O que arde'
Detalle dun fotograma de 'O que arde'
O director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, e o axente forestal Javier Magdalena eloxian a última película de Oliver Laxe dende un punto de vista profesional ▶ Valórana como un traballo apegado á realidade do rural e impregnado de verdade

"Quedei impactado dende o minuto un", di Javier Magdalena. Nese primeiro minuto o que se ve é a dous bulldozers tirando árbores no medio da noite. "Teño vivido ese momento en persoa moitas veces. Mesmo temos feito nós gravacións. Pero velo nunha pantalla de cine, as imaxes, os sons, para min foi algo espectacular".

Con ducias de miles de espectadores que a converteron nun pequeno fenómeno cultural, O que arde, a última película do director Oliver Laxe, retrata os incendios forestais en Galicia como nunca antes se fixera. Dúas persoas coñecedoras do que é o lume no monte, o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, dende o ámbito da investigación, e o axente forestal do Distrito XIX, o pontevedrés Javier Magdalena, dende o do terreo, coinciden en eloxiar vivamente o filme. Valórano como un traballo apegado á realidade do rural e impregnado de verdade. "Teño moi claro que esta película perdurará. Vai haber que volver a ela nos vindeiros anos unha e outra vez. Debería ser case de obrigado visoniado. Recoméndoa moitísimo".

Juan Picos. Director de Enxeñería Forestal
"Esta película é unha obra de arte. O coidado visual co que está feita consegue un efecto 'inmersivo' no espectador"

Que se achegue á realidade do rural sen prexuízos e dun xeito naturalista, sen xuízos de valor, e que reflexione de xeito sutil sobre aspectos como a sostibilidade ou a intervención do home no medio, é o máis valorado tanto por Juan Picos como por Javier Magdalena, que ademais coinciden en sinalar que o retrato que se fai dun incendio é certeiro. "Esta película é unha obra de arte. O coidado visual co que está feita consegue un efecto inmersivo no espectador. Permíteche ver case minuto a minuto como se loita contra un incendio, as técnicas e o traballo que realizan as brigadas", sinala o director de Enxeñería Forestal.

63 GRAOS. "Nun lume estás por enriba dos 63 graos de temperatura. Un tipo pode baixar dous ou tres kilos nun par de horas", explica o axente. "Todo iso está moi ben retratado na película, ata o detalle. Igual que os personaxes que aparecen, os lugares... Todo iso é real. A peli transportoume a situacións, xentes e lugares que coñezo perfectamente. Alguén podería pensar que xa non existen, pero si que existen e está moi ben que se vexa e que se coñeza. Todo o que propón Oliver Laxe nesta película pareceume auténtico e sincero".

Javier Magdalena. Axente forestal
"Todo me pareceu sincero e auténtico. Alguén podería pensar que este mundo xa non existe, pero si, e está ben que se vexa"

O que arde é, para os dous homes, unha ficción que respira verdade. "Paréceme un traballo brillante dende o principio ata o final, que te deixa un tanto desacougado, exactamente como estamos en Galicia ante a situación do noso rural". di Juan Picos. "Para min o lume é unha consecuencia, un personaxe secundario nunha película que retrata o abandono rural, a perda dun mundo que formou parte da nosa identidade". Neste sentido, gústalle moito o título en inglés, Fire will come, "que é algo así como o lume que virá, porque efectivamente tarde ou cedo vai chegar".

PÚBLICO. O TÍTULO, PREMIADO EN CANNES, SUPERA OS 30.000 ESPECTADORES

O que arde, o terceiro título de Oliver Laxe (Todos vós sodes capitáns, Mimosas), estrouse o pasado mes de maio no Festival de Cine de Cannes, onde se fixo co premio do xurado na sección Un certain regard. O título foi posteriormente incluído na sección Perlas do Festival de San Sebastián e na programación do Festival de Cinema de Nova York.

A película estrouse nos cines franceses (54 salas de 21 cidades) o 4 de setembro. Tras dúas preestreas (en Navia de Suarna e no Festival Curtocircuito), chegou ás salas galegas e españolas o 11 de outubro.

Segundo informaba este luns nas redes sociais a distribuidora Númax, O que arde viña de superar os 30.000 espectadores.

A historia, protagonizada por actores non profesionais, transcorre nos Ancares lucenses. Comeza coa volta á súa aldea dun home que vén de sufrir unha condena como pirómano. A convivencia coa súa nai maior e os seus animais, no medio da natureza, vese alterada cando se declara outro lume na zona.

De enorme beleza
"Esta é simplemente unha película de grande beleza, unha película que te remove por dentro, que te acompaña durante moito tempo despois de vela e que resulta profundamente conmovedora". A crítica cinematográfica avalou amplamente O que arde dende a súa estrea en Cannes. Neste sentido, o codirector do festival Novos Cinemas de Pontevedra Suso Novás, que acompañou a Oliver Laxe na presentación do filme en Cinexpo (onde aínda se pode ver), atopa grandes valores no título que xustifican as gabanzas. "É un traballo moi sensorial. Para min é un acerto que Oliver decidise retratar o rural desta maneira, a mellor posible para facelo. O resultado neste sentido é óptimo, tanto no retrato do rural como no das relacións humanas".

Novás destaca igualmente o tempo contemplativo que elixiu o realizador para contar a historia, "con planos que respiran moito e que lle dan tempo ao espectador para deixarse penetrar pola película".

De igual maneira, considera moi interesante presentar personaxes complexos, con contradicións que os dotan dunha gran humanidade, e tratar de achegarse á historia sen xulgar nin á xente nin o que pasa. "Non se explican moitas cousas porque non é preciso explicalas", di Novás.

A maiores, o codirector de Novos Cinemas apunta que O que arde agocha "traballos moi meritorios na dirección de arte, nas propias interpretacións e na fotografía, que correu a cargo de Mauro Herce".

"O que arde' é un filme que perdurará"
Comentarios