O rural pontevedrés, en loita contra a velutina

Un grupo de voluntarios retirará os niños das vespas asiáticas protexidos co material facilitado polo Concello
Presentación da campaña anti-velutinas
photo_camera Presentación da campaña anti-velutinas

O Concello de Pontevedra colabora co grupo de voluntariado anti-velutina que se creou nas parroquias do rural pontevedrés para tratar de reducir os ataques desta praga no concello. A través do Departamento de Medio Ambiente Natural, o Concello puxo en marcha un protocolo de actuación no caso de descubrir un niño de vespa asiática no rural, xa que, segundo afirma o goberno local "nas zonas urbanas a encargada da retirada destes niños é a Xunta de Galicia a través dun protocolo específico en colaboración co 112 e os bombeiros".

No caso de que un veciño descubra un niño deste tipo de vespa, o Concello solicita a súa colaboración enviando a localización en GPS do niño ao whatsapp do teléfono 679 411 930. O departamento porase en contacto co grupo de voluntarios encargados de retirar os niños para darlles a situación exacta.

O grupo de voluntarios está formado por 15 persoas, a maior parte apicultores do concello, que teñen o municipio distribuido en cinco zonas nas que actuar. Van protexidos co material facilitado polo Concello: traxes especiais, pértegas, gorros, insecticidas… 

A praga de vespa velutina é moi perigosa tanto para as persoas, como para as hortas, e tamén para as propias vespas doutras especies, xa que acaban converténdose en alimento das asiáticas, exterminando as poboacións das autóctonas. 

Un dos apicultores voluntarios, José María Domínguez, explicou que do 7 de xullo ata este venres localizaron 17 niños en parroquias como Lérez, Campañó, Salcedo ou Bora. Desde este grupo animan a toda a poboación a que dea alertas para tratar de porlle freo á situación.

Os interesados en formar parte do grupo de voluntarios poden informarse no  986 100 185 (ext: 7584).

Comentarios