O Salón do Libro dá un paso máis para centrarse nas 'Mulleres de conto'

O Concello convocará un concurso internacional de ilustración para elixir a imaxe do cartel desta XIX edición
Carmen Fouces
photo_camera Carmen Fouces

O Salón do Libro celebrará, no ano 2018, a súa XIX edición. Nesta ocasión a súa temática central será a de 'Mulleres de Conto', dando un paso máis adiante para, desta maneira, reivindicar a importancia do xénero feminino no mundo da literatura.

Segundo a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, "queda constancia desta relevancia feminina coa figura da escritora María Victoria Moreno", que terá gran transcendencia na celebración desta edición do Salón, como homenaxeada o vindeiro ano o Día das Letras Galegas.

Aínda que están convidadas a participar todas aquelas persoas relacionadas con todos os ámbitos do mundo da literatura e da lectura, nesta ocasión centraranse especialmente nas mulleres da Literatura Infantil e Xuvenil.

Os obxectivos principais que o Concello de Pontevedra intentará lograr nesta edición, que se celebrará dende o 6 ata o 29 de abril de 2018, son dous. "Por unha banda, a internacionalización do evento e, por outra, a captación de lectores xuvenís, por iso esta edición será bastante distinta", engadiu Fouces.

Ademais, coa fin dos meses de verán, o Concello convocará un concurso internacional de ilustración para elixir a imaxe do cartel desta XIX edición, momento no que serán publicadas as bases para participar no certame. Finalmente, a resolución será coñecida no vindeiro mes de decembro.

Por outra banda, é destacable a intervención dun país convidado ao Salón do Libro. México, que traerá libros, escritores, editores e demais persoas relacionadas coa industria do libro, achegará ás crianzas galegas a súa literatura, as súas historias e a súa cultura. "Intentamos loitar contra a unidireccionalidade, a intención é compartir todo o posible entre ambas culturas e tipos de literatura, aprender o máximo posible a unha da outra", destacou a concelleira de Cultura.

Co obxectivo de captar a atención dos mozos, nesta edición do Salón organizaranse clubs de lectura nos distintos colexios e institutos de Secundaria, para facer chegar dunha forma máis sinxela, directa e lúdica, a literatura á xuventude. Ademais, firmáronse convenios co Campus de Pontevedra para que os estudantes interesados neste campo, realicen prácticas de calidade durante a celebración do Salón do Libro 2018.

Comentarios