O Salón do Libro Infantil e Xuvenil aspira a dar un salto internacional en 2018

A concelleira Carme Fouces avánzalles aos colexios a intención de abrir o encontro ás novas tecnoloxías e de apostar pola banda deseñada
Un momento da xuntanza de Carme Fouces cos representantes dos colexios
photo_camera Un momento da xuntanza de Carme Fouces cos representantes dos colexios

Darlle unha maior relevancia á presenza xuvenil, abrirse ás novas tecnoloxías, fixar liñas de traballo arredor da ilustración e da banda deseñada e aspirar á internacionalización son os principais obxectivos cos que traballa a organización do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra de cara á edición do ano que vén. Así llo comunicou este martes a concelleira do Pazo da Cultura e de Educación, Carme Fouces, aos representantes dos centros de ensino da cidade, cos que mantivo unha primeira reunión de traballo sobre o evento.

A aposta máis importante de cara a 2018 ten que ver coa busca da internacionalización do encontro. "O Concello traballa en fixar conexións con outros países para darlle unha dimensión máis internacional ao Salón, acudindo a feiras do libro e tratando de artellar redes con outros países".

CLUBS DE LECTURA. Trala reunión do martes cos mestres, Fouces reunirase con clubs de lectura dos institutos de Secundaria, "xa que un dos obxectivos de cara ao ano que vén é darlle unha dimensión máis xuvenil ao Salón e transformalo realmente nun referente da Literatura Infantil e Xuvenil Galega (LIX), de tal xeito que Pontevedra se converta oficialmenta na súa capital", informou o Concello.

Polo que se refire á intención de darlle máis presenza ás novas tecnoloxías, a idea dos organizadores é contar con bookstubers (usuarios de YouTube especializados en reseñas literarias) e estacións de radio, entre outras cousas.

"Outra das prioridades que ten marcada o Concello é aumentar a presenza da ilustración e da banda deseñada", na que Pontevedra é unha verdadeira potencia estatal", explican os organizadores do Salón.

Comentarios