"O século XXI vai ser das mulleres"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, confesa vivencias íntimas e reflexiona sobre a actualidade política nunha con María Varela en 'Conversas na Uvi'

Carmela Silva (esquerda) e María Varela, durante o encontro que mantiveron na Casa das Campás. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Carmela Silva (esquerda) e María Varela, durante o encontro que mantiveron na Casa das Campás. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"Imos seguir gobernando a Deputación si ou si. Estou convencida", asegurou este martes Carmela Silva durante a charla que mantivo coa xornalista María Varela en Conversas na Uvi, un ciclo que organizan conxuntamente Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo. A presidenta da Deputación Provincial aproveitou o encontro para confesar vivencias de carácter íntimo, como que atopara "ao home da súa vida" sendo moi nova e que casara con el "aos 19 anos"; que sempre soñara con ser "escritora ou actriz"; que os últimos meses da carreira de Dereito os compaxinou co traballo no Ministerio de Agricultura de Elena Espinosa, ou que aborrecía o fútbol ata que o seu fillo Iago se converteu en futbolista profesional, ao tempo que repasou a súa traxectoria persoal e profesional e reflexionou sobre cuestións da actualidade política. "O que atopamos na Deputación cando entramos hai catro anos foi unha forma de facer política clientelar, caciquil, que non cumpría a lei e irregular nos procedementos. Adicámonos a abrir portas e fiestras nunha institución ancorada no pasado".

"Que saiban Abascal e compañía que non imos consentir nin un paso atrás. Vannos ter a min e a todas as mulleres enfronte"

O pensamento feminista marcou en boa medida a conversa da política e da xornalista. Preguntada pola irrupción de Vox nas institucións cun programa electoral que inclúe a derogación da Ley de violencia de género, Silva dixo non estar preocupada por ese punto en concreto. "Estou preocupada porque a xente teña medo e porque por iso haxa quen se intente agarrar a calquera cousa, mesmo a un discurso fascista. Porque aquí hai que chamar ás cousas polo seu nome e estes son uns fascistas, que teñen un partido que non é nin demócrata nin constitucionalista e que enganan á xente con mentiras, falsidades e milagres", dixo. "Pero polo outro non estou preocupada. Que saiban Abascal e compañía que non imos consentir nin un paso atrás. Vannos ter a min e a todas as mulleres enfronte", rematou.

"O que atopamosna Deputación cando entramos foi unha forma de facer política clientelar, caciquil e ancorada no pasado"

PIONEIRA. Primeira muller en ser voceira no Senado (2011) e primeira muller en presidir unha Deputación Provincial en Galicia (2015), Carmela Silva explicou que ser pioneira "é moi duro". "A xente non o cre, pero é así. Si que custa moito. Claro que custa. Sofres. Es cuestionada. A min non me gusta nada ser a primeira muller que ocupa estes cargos. Paréceme dramático". A presidenta tamén falou das diferenzas de trato cos seus colegas homes. "O primeiro que preguntan cando ocupas un cargo deste tipo sendo muller é que méritos tes. Esta pregunta xamais se fai cando es un home. Cando fun voceira do Senado tiven que gañarme a pulso o respecto do meu propio grupo político. Imaxínate do resto", contou. "Aínda hoxe, cando entro nalgún sitio, moitas veces o primeiro que me din é: Que guapa vés hoxe, presidenta. Nunca se lle di iso a un home. Pero, claro, de nós o que preocupa é a imaxe. Por iso as mulleres nos temos que empoderar. Temos que estar convencidas de que valemos e esquecernos da lupa que se nos coloca enriba cada vez que nos toca dirixir".

Carmela Silva, que dixo que dende rapaza sentiu a chamada da política ("sempre tiven, dende nena, unha personalidade rebelde; non me gustaba o que vía arredor e aí naceu o meu impulso político"), cre que "o século XXI vai ser das mulleres" e que "o 8 de marzo do ano que vén vai ser aínda máis potente que o deste".

Comentarios