"O tempo da guerra e da posguerra segue a ser un pasado non ausente"

Xosé Álvarez Castro revisa a represión franquista dentro do ciclo ‘Conversas na Uvi’, de Diario de Pontevedra e da Universidade de Vigo
Xosé Álvarez Castro e Bernardo Sartier durante a charla na Casa das Campás.
photo_camera Xosé Álvarez Castro e Bernardo Sartier durante a charla na Casa das Campás.

Personaxes, represaliados e represores con nomes e apelidos, episodios concretos, espazos determinados e outras circunstancias da Guerra Civil e da posguerra foron revisados onte polo mestre e historiador Xosé Álvarez Castro dentro do ciclo 'Conversas na Uvi', que organizan Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo na Casa das Campás. "O tempo da guerra e da posguerra segue a ser un pasado non ausente, que inflúe no que acontece. É hora de que pase a ser historia".

Bernardo Sartier pediulle a Álvarez Castro que lembrase algunhas historias e datos que aparecen no seu libro Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939), así como noutros centrados na recuperación da memoria como Un cesto de mazás, de Montse Fajardo, ou Sin odio, sin rencor, pero el recuerdo vivo, de Gonzalo Adrio, ademais do documental Aillados, de Antonio Caeiro. "Eu nunca vin como un risco mencionar nomes e apelidos porque os recollo como parte da historia. De feito, nunca recibín ningún reproche".

Sobre o asunto da identificación das persoas implicadas na represión, como noutros acontecementos históricos, Álvarez Castro reivindicou a pulcritude no traballo. "Por suposto que hai que traballar coa memoria oral, pero coa memoria oral contrastada a través da documentación, da análise e do espírito crítico", explicou. "Nun tema como o da represión é imprescindible defender as garantías do que se recolle e ser extremadamente ortodoxo".

O historiador referiuse ao momento no que se produce o levantamento militar e ás distintas reaccións da poboación. "Eu non concordo con esa imaxe de pasividade e de submisión total que ás veces se difunde. Cando se produce o golpe, hai xente que se opón de xeito contundente. É unha situación complexa e, polo tanto, as actitudes son de todo tipo", sinalou.

MÉTODO. Álvarez Castro explicou que a represión que se levou a cabo durante a guerra e a posguerra estaba planificada. "Os golpistas o que queren é paralizar á poboación a través do terror. Isto é algo planificado. Aparece por escrito", explicou. Sartier apuntoulle que se realizaba de xeito metódico, algo co que o historiador estivo de acordo. "Mesmo os sitios onde se deixaban os cadáveres dos 'paseados' tiñan intención".

O escritor reflexionou sobre o feito de que persoas cultas e cunha coñecida sensibilidade artística ou cultural participasen de xeito brutal na represión franquista, ás veces de forma episódica, outras de xeito contundente e continuado. "O máis inquietante é constatar que calquera de nós, nas circunstancias axeitadas e coa propaganda correcta, teriamos actuado desa mesma maneira".

Personaxes do réxime como Víctor Lis, Luis Sánchez Cantón ou Antonio Puig mesturáronse con nomes de asasinados como Alexandre Bóveda ou Jacobo Svasky nunha charla na que tamén se analizou como se desenvolvía a represión extraxudicial a través dos ‘paseos’ que realizaba a denominada garda cívica ou como os consellos de guerra se limitaban a pantomimas.

Comentarios