O tren que me leva

A estación de Vialia acolle ata o 25 de xullo a exposición 'Caminos de hierro', composta por 43 fotografías en papel e 136 dixitais
A exposición en Vialia
photo_camera A exposición en Vialia

Empregar ao tren como fonte de inspiración é o que propón cada ano o certame fotográfico Caminos de hierro, convocado pola Fundación de los Ferrocarriles Españoles. Coas mellores imaxes dese concurso organízase unha exposición, en colaboración con Adif, que despois itinera por estacións de ferrocarril de toda España. A selección deste ano pode visitarse, dende este mércores e ata o 25 de xullo, na estación Vialia de Pontevedra. Nela poden verse as obras premiadas, seleccionadas e preseleccionadas na 28ª edición do certame.

A exposición está composta por 43 obras orixinais en papel e 136 dixitais, elixidas entre as 5.045 fotografías presentadas por 2.183 autores de 46 países, segundo explica a Fundación de los Ferrocarriles Españoles. Na inauguración da mostra, que tivo lugar na mañá deste mércores, participou o fotógrafo arxentino Alejandro Caporale, residente en Santiago de Compostela, que obtivo o segundo premio deste ano pola imaxe Niebla, kilovatios y velocidad.

TRAIN TO SIBERIAPor outra banda, o primeiro premio desta edición foi para a serie Train to Siberia, de Nataliya Kharlamova. Segundo informou a organización, trátase dunha xornalista e fotógrafa nada en Moscova en 1978, que foi alumna de Alexander Lapin. Ata 2011 traballou no teatro Okolo de Moscova, ademais de ser editora de imaxes en diferentes medios. Desde 2009 dedícase á fotografía documental e realiza un proxecto sobre adultos e nenos con discapacidade intelectual. En 2012 foi premiada co PhotoPhilantropy Activist Awards e en 2015, co Without Barriers.

Búsqueda, da fotógrafa vasca Sara Berasaluce, foi recoñecida co premio Autor Novo. Tamén foron premiados cun accésit: Tete Alejandre (Cáceres), Max Álvarez (Asturias), Alfonso Batalla (Biscaia), Katy Gómez (Xaén), Jesús Labandeira (Madrid), Elena Morón (Sevilla), Raúl Muñoz (Zaragoza), Eduardo Rivas (Cantabria) e Wilhem Scholz (Estados Unidos / Alemaña).

A Fundación de Ferrocarriles tamén indica que en Caminos de hierro participaron 100 fotógrafos galegos, "duplicando el número de la edición anterior". Dous foron premiados e cinco preseleccionados.

O fotógrafo Alejandro Caporale fíxose co segundo premio mentres o italiano afincado na Coruña Simone Mestra obtivo un accésit. Os outros autores galegos preseleccionados son: Miguel Álvarez Fernández (Ourense), Xoán Arias Soler (Teo-A Coruña), María Teresa Fernández Rodríguez (Ourense), Alfonso López Touza (Vigo-Pontevedra) e Gabriel Tizón Vázquez (Fene-A Coruña).

Despois de pasar por Pontevedra, a exposición visitará as estacións de Oviedo, Vitoria, Madrid, Barcelona e Logroño.

Comentarios