O XVIII Curso Internacional de Cerámica dará comezo o luns en Pontevedra

Simcha Even-Chen, orixinaria de Israel, e Gregorio Peño, de Toledo, serán os dous artistas convidados, cada un co seu estilo persoal
Imaxe da anterior edición do Curso de Cerámica
photo_camera Imaxe da anterior edición do Curso de Cerámica

O CIFP A Xunqueira acollerá dende o luns á 11.00 horas a XVIII edición do Curso Internacional de Cerámica Contemporánea. Este ano a celebración do taller coincide co ano Castelao, polo que serán convidados Camilo Camaño, quen o homenaxeará falando sobre o seu percorrido artístico, e Rosa de Arcos, neta do home que, xunto co escritor, fundou o Barbeiro Municipal en Rianxo, Alfonso Arcos. Ademais, como cada ano, dous profesionais do mundo da arte con cerámica son convidados para impartir as clases. Nesta ocasión, serán un toledano e unha israelita os encargados de elevar a arte ao nivel do marabilloso nos cursos da cidade de Pontevedra. Cada un ten un estilo diferenciado e unhas técnicas persoais marcadas que os fan complementarios e particulares.

A israelita, Simcha Even-Chen, traballa como ceramista desde 1996, ademais de ser investigadora titular da Facultade de Medicina da Universidade Hebrea de Xerusalén. Os seus traballos de cerámica foron seleccionados e expostos en mostras nacionais e internacionais, formando parte de diversas coleccións públicas e privadas. Simcha emprega a cerámica para investigar o elemento da dinámica de oposicións. En todos os seus traballos xoga coa tensión e o equilibrio. Hai uns meses, comezou unha nova liña de traballos nos que experimenta cos fluxos e movementos en relación cos dous últimos factores. Os deseños de cuadrículos que aplica nos seus traballos son un empréstimo das follas gráficas milimétricas que se utilizan para a presentación de resultados científicos. Aquí conflúen as súas dúas dedicacións, a artística e a científica.

"Emoción, misterio, tensión y tiempo" son, segundo Peña, o nexo de unión das súas obras 

Pola outra banda, Gregorio Peña é toledano e técnico superior en Artes Plásticas e Diseño en Cerámica Artística pola Escuela Francisco Alcántara de Madrid. Formouse na alfarería familiar desde que era un neno. A pesar da súa xuventude, a súa obra foi recoñecida dentro e fóra do país con diferentes recoñecementos, como o Premio de la Asociación Española de Críticos de Arte. Sobre o seu traballo, Peña destaca a "importancia de la convulsión y la transformación de la materia" nas súas últimas series. Ademais, sinala que el emprega o material cerámico como medio, non como fin. "La emoción, el misterio, la tensión y el tiempo son el nexo de unión de mis últimas series, las cuales conservan una sorprendente unidad y elegancia formal", engade o artista.

Simcha emprega a cerámica para investigar a dinámica de oposición, xogando coa tensión e o equilibrio

Á inauguración dos cursos, asitirá a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, posto que o Concello é un dos patrocinadores do evento. Tamén a Deputación de Pontevedra colaborou cos cursos no referente á organización do relacionado coa coincidencia co ano Castelao, ademais da Casa Azul. Así mesmo, acudirá o director do CIFP A Xunqueira, Rafael Núñez, xa que este centro cede as súas instalacións como lugar de traballo durante os cursos. 

O taller rematará o día 27 de agosto e aínda hai prazas dispoñibles, para facerse cunha chamar ao 986 890 2 77.

Comentarios