Remata a posta a punto do carballo de Santa Margarida tras seis meses de tratamentos

Dende o verán até hoxe fixéronse traballos de aireamento das raíces, unha poda sanitaria e un tratamento biolóxico para eliminar insectos

Un operario soldando os novos soportes do carballo de Santa Margarida. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un operario soldando os novos soportes do carballo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Concello de Pontevedra rematou este martes os últimos traballos programados o pasado verán para mellorar a calidade de vida do centenario carballo de Santa Margarida co apuntalamento de dúas das súas ponlas cun esteo de aceiro macizo.  Unha das ramas crece cara a estrada e a outra crece en dirección ao centro da cidade. Ambas teñen problemas de conservación por ataques de fungos ou insectos xa tratados, e tamén por perdas importantes derivadas de roturas ou outros danos anteriores.

A solución que se propón é respectuosa co carácter patrimonial da árbore e da súa contorna, por iso limita a posibilidade de deseñar unha estrutura que inclúa elementos aéreos. Esta é a última fase de actuación no carballo de Santa Margarida acordada polo Concello e a Deputación o pasado mes de agosto, despois da caída dunha ponla de 200 quilos o 31 de xullo, e logo da avaliación realizada pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro da árbore senlleira.

Até o de agora fíxose unha poda sanitaria e para descargar a árbore. Tamén se realizou un tratamento biolóxico contra os insectos xilófagos e o pasado setembro se fixeron labores de osixenación das raíces da árbore que están tapadas por asfalto.

En todo este proceso, o Concello contou co apoio do departamento de medio ambiente da Xunta de Galicia que autorizou estas intervencións, e comprométese a vixiar o estado do exemplar.

Comentarios