Os obradoiros de tecnoloxía e a Escape Music Room, o máis demandado do Ponteverán

Na noite dos morcegos e no roteiro de avelaíñas tamén foi necesario ampliar o número de prazas

Participantes nun dos obradoiros de tecnoloxía do Ponteverán. JAVIER CERVERA
photo_camera Participantes nun dos obradoiros de tecnoloxía do Ponteverán. JAVIER CERVERA

Os cinco obradoiros de tecnoloxía, o Escape Music Room, e o roteiro polo Gafos para avistar avelaíñas e outros insectos foron as actividades con máis demanda do programa Ponteverán 2019, posto en marcha pola concellaría de Xuventude para promover unha ampla variedade de actividades gratuítas de ocio e formativas, durante os meses de xullo e agosto e dirixidas a persoas comprendidas entre os 8 e os 35 anos.

Na edición de Ponteverán deste ano, xa foran incluídos dous obradoiros de tecnoloxía máis, ofertándose un total de cinco: impresión 3D, robótica, holografía, programación e creación de APPs. O número total de prazas para participar era de 50 e, aínda que finalmente foi ampliado a 60 (a razón de 12 prazas por obradoiro), a lista de agarda chegou ata as 18 persoas nos de robótica e holografía.

No caso do Escape Music Room, unha das novidades do programa desta edición, nun só día xa se cubriron as 36 prazas ofertadas, que correspondían a 6 equipos de 6 persoas, polo que se ampliaron ata acoller un total de 66 persoas (11 equipos). Esta actividade está concibida como un xogo no que se participa por equipos e que pon a proba o enxeño e a habilidade para resolver pistas, enigmas, misterios e adiviñas ata conseguir 'escapar' da sala antes de que remate o tempo concedido para a proba.

A noite dos morcegos tamén encheu nun só día as 25 prazas ofertadas e finalmente admitíronse 27 participantes, e por quinto ano consecutivo, constátase que esta actividade segue a espertar un grande interese. Consistiu nunha xornada de captura, estudo e explicación das características dos morcegos a cargo de especialistas da Asociación Drosera, co obxectivo de dar a coñecer estes mamíferos.

No caso do roteiro polo Gafos para ver avelaíñas e outros insectos participaron 26 persoas (a oferta inicial era de 25 prazas). Esta actividade consistiu nunha saída nocturna, que tivo lugar o 27 de xullo entre as 22h e a media noite, para fotografar avelaíñas e insectos que se sinten atraídos pola luz.

Entre as novidades desta edición tamén se ofertou un roteiro etnográfico e ambiental polo río Almofrei co obxecto de dar a coñecer o patrimonio natural e etnográfico da contorna da aldea do Salgueiral, e unha xornada de orientación deportiva que se desenvolveu na Illa das Esculturas e que estivo organizada polo Club de Montañeiros.

O programa tamén contemplaba tres aulas de natureza orientadas ao coñecemento sobre o bosque, o mar, o río e a historia da cidade; o campamento music-lab para compoñer creacións musicais a partires de aplicacións para o móbil; tres cursos de informática –sobre as potencialidades de Google, presentacións off e on line, e seguridade na rede– e un curso de produción de eventos musicais. O total de prazas ofertadas no conxunto do programa ascendeu a 470.

Comentarios