As obras no acceso ao Álvarez Limeses estarán listas para o inicio do curso escolar

Joaquín Costa volverá a estar aberta ao tráfico ao longo do martes
Obras no Álvarez Limeses. CONCELLO
photo_camera Obras no Álvarez Limeses. CONCELLO

Esta semana iniciáronse os traballos para o acondicionamento da contorna do colexio Álvarez Limeses, situado na rúa Joaquín Costa que presentaba afundimentos e lousas movidas. Este proxecto está incluído dentro do plan de acondicionamento das contornas dos centros educativos para que estean en boas condicións de uso no inicio do curso escolar, o vindeiro 10 de setembro.

As obras obrigaron ao peche da rúa, con acceso só a residentes e servizos, até o próximo martes, 8 de setembro.

Trátanse de pequenas reparacións, en moitos casos, con arranxos de pavimento deteriorado, afundido, roto, ou que sexa susceptible de ocasionar algún tipo de risco por outros motivos. Tamén se procede ao arranxo de mobiliario e doutros elementos urbanos que poidan presentar algún tipo de desperfecto.

Estes traballos de mantemento, que se estenderán durante as vindeiras semanas ata completar a revisión e acondicionamento de todas as contornas dos centros de ensino, forman parte do calendario establecido desde que entrou en funcionamento o contrato de mantemento de espazos públicos o pasado mes de abril. 

Comentarios