As obras na Avenida da Coruña comezarán o próximo martes

A actuación vai encamiñada a eliminar o tráfico de paso e de axitación, e priozar a mobilidade peonil en todo o barrio do Burgo ►A reforma de Loureiro Crespo avanza cara a rúa Ángel Amor Ruibal
Obras en el barrio de O Burgo, el pasado mes de marzo. DAVID FREIRE
photo_camera Obras en el barrio de O Burgo, el pasado mes de marzo. DAVID FREIRE

A reordenación da circulación e da convivencia de usos en todo o barrio do Burgo co obxecto de eliminar o tráfico de paso e de axitación, comezará o vindeiro martes coas obras previstas na Avenida da Coruña. A empresa adxudicataria da obra, E.C. Casas, acometerá os traballos neste vial entre o 30 de xuño e o 31 de xullo, co obxecto de cambiar a zona de aparcadoiros, para que queden situados á dereita segundo o novo sentido da circulación prevista (subindo), cambiar a ubicación dos colectores e reacondicionar as beirarrúas.

A reordenación no Burgo implica que o tráfico na Avenida da Coruña pasará a ser de subida en todo o vial.

Durante o mes que duren as obras, restrinxirase o tráfico en toda a Avenida da Coruña e só se permitirán accesos para servizos e garaxes, que se realizarán no sentido da circulación vixente neste momento (de baixada e de entrada á cidade). Mentres, o sentido de circulación das rúas Luis Otero e Leonardo Enriquez pasa a ser desde a rúa Juan Bautista Andrade cara a Avenida de Compostela.

Obras Avenida da Coruña

Esta obra, que conta cun prazo de execución de tres meses e fora licitada cun orzamento de 191.869,66 euros, é o primeiro paso dunha actuación máis ambiciosa encamiñada a extender o modelo de cidade a todo o barrio do Burgo. En último termo, esta actuación ten por obxectivo eliminar o tráfico innecesario, nomeadamente o de paso e o de axitación, e limitalo ao estritamente preciso para o funcionamento do barrio, ao tempo que priorizará a mobilidade peonil en toda a área.

Ademais do cambio de sentido de circulación na avenida da Coruña, o reordenamento de tráfico implica inverter o sentido de circulación do treito de Luis Otero que rodea o estadio de Pasarón, por detrás da bancada norte e por detrás da bancada de preferencia con saída cara a rotonda (da Avenida de Compostela) e inverter o segundo treito da rúa da Santiña, a partires da rúa Valentín Paz Andrade, de xeito que quede de sentido único de saída.

Ademais, o treito histórico da rúa da Santiña, o treito máis próximo á rúa do Burgo, quedaría de dobre sentido, ao igual que todas as rúas do centro histórico da cidade.

Por último, esta actuación leva parella unha reforma integral da rúa da Santiña para dotala de plataforma única e darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade.

LOUREIRO CRESPO. Por outra parte, as obras de reforma de Loureiro Crespo e do barrio do Castañal avanzan dende este luns cara as rúas Forcarei e Ángel Amor Ruibal, o que obriga a pechar o tráfico de saída da cidade nese tramo –o corte está previsto dende as 08.00 horas–.

Obras Loureiro Crespo

O acceso aos garaxes do tramo en obras realizarase pola rúa Loureiro Crespo, polo carril que se manterá operativo ao tráfico (sentido centro cidade). A partir da intersección coa rúa Ángel Amor Ruibal permítese a circulación cara á Avenida de Lugo.

Convén lembrar que a reforma de Loureiro Crespo e O Castañal deu inicio o pasado 27 de abril e que é unha das máis ambiciosas das proxectadas na cidade, cun orzamento de preto de 3 millóns de euros para a actuación completa. Cun prazo de execución de 11 meses, estenderá os estándares de calidade urbana propios do Modelo Pontevedra a unha das entradas da cidade, e que comprende as rúas Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e a praza das Regas, ademais da propia Loureiro Crespo. Implica a renovación da pavimentación e o largo das beirarrúas e varios puntos, ao tempo que inclúe a renovación de todos os servizos soterrados, a instalación de nova iluminación, novo mobiliario urbano, e a plantación de novas árbores en algúns dos treitos.

Comentarios