As obras da autovía A-57 obrigan a refacer un treito da estrada que une Marcón e A Reigosa

A vía da Deputación estará cortada dende o 12 de novembro ata o 13 de xaneiro. Desviarase o tráfico pola PO-532 cara o polígono do Camiño

mapa

As obras da autovía A-57 obrigarán a refacer un treito dun quilómetro da estrada provincial EP-004 Marcón-Pintos-A Reigosa. A empresa adxudicataria das obras terá que desfacer a actual traza da vía da Deputación e construíla dende cero desviada lixeiramente cara á esquerda, baixando tamén a súa cota e eliminando dúas curvas. 

Este cambio da traza da estrada provincial débese a que coa construción do viaduto no punto quilométrico 1+300 da autovía, a actual pista da Deputación quedaría sen o gálibo suficiente para manter o tránsito rodado. Hai que indicar que a ponte, de 105 metros de lonxitude, 3,5 metros por carril, e tres vanos, tamén salva o río Pintos.

A empresa adxudicataria do primeiro treito da autovía, a Construtora San José, terá que responsabilizarse da obra da estrada provincial, comezando os traballos o vindeiro 12 de novembro e finalizándoos o 13 de xaneiro. Durante este tempo será necesario cortar o tráfico na zona, permitindo o paso de vehículos ao polígono do Camiño unicamente pola PO-532.

Segundo explica a construtora o cronograma das obras iniciarase co desmonte de terras para baixar a cota da nova estrada, de forma intensiva en dous puntos localizados. Despois executarase un novo muro de contención de perpiaño para salvar un noiro e executarase a conexión coa actual estrada unha vez pasado o río. Aproveitando a reposición da estrada aproveitarase para suavizar a traza en dúas das curvas.

Comentarios