As obras da primeira fase da estación intermodal comezarán despois do Nadal

Os traballos prevén unha completa modificación funcional e estética da actual estación de autobuses de Pontevedra ►A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade financiará o 75% da obra
Recreación da nova estación de autobuses intermodal da cidade. DP
photo_camera Recreación da nova estación de autobuses intermodal da cidade. DP

A primeira fase das obras da estación de autobuses intermodal de Pontevedra está en marcha. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten todo preparado para que á volta do Nadal comecen os traballos dunha obra que é fundamental para mellorar a mobilidade e transformar a cidade.

O proxecto do departamento de Infraestruturas da Xunta contempla unha reforma integral da actual estación de autobuses no seu interior e tamén no exterior, tanto sobre a fachada como na cuberta.

A obra foi adxudicada ás empresas empresas Alea y Arines por 2.384.785,32 euros (IVA incluido), un 1,76% menos dos 2.427.509,49 euros do orzamento de licitación. Terán un prazo de doce meses para a execución dos traballos.

A primeira fase dos traballos agora perseguen a transformación da actual terminal de autobuses e inclúe a reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética. A actuación inclúe a renovación da fachada, da cuberta e dos interiores, a mellora de instalacións e aforro enerxético, así como a mellora dos sistemas de información.

Entre as actuacións no interior, o proxecto prevé a construción dunha nova rampla para cumprir coa accesibilidade e cun percorrido lineal. No andar 0, zona de plataformas, disporase dun novo vestíbulo máis amplo e luminoso, desde o que se terá visión directa sobre o exterior, incluirá melloras de illamento para garantir a eficiencia enerxética.

As intervención no exterior e sobre a fachada incluirán a disposición dun illamento continuo das fachadas existentes e modo de "segunda pel", a base de chapa microperforada de aceiro en cor branco para ofrecer un aspecto exterior unitario. Ademais cambiaranse as fiestras, que terán cámara de aire e illamento baixo emisivo.

O proxecto inclúe a adecuación da cuberta, recuperándose a do proxecto orixinal, eliminando da mesma a chapa que se executou en reformas posteriores. E tamén se mellorará o illamento e os acabados e dotarase de luz natural ao interior do edificio.

TRÁMITES. A licitación das obras de remodelación da estación de autobuses segue coa tramitación administrativa regulamentaria establecida no convenio de colaboración asinado hai uns días pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Pontevedra para a execución do conxunto da estación intermodal de Pontevedra, cun investimento de máis de 6,1 millóns de euros.

O acordo determina o financiamento destas actuacións e as achegas que corresponden a Xunta e Concello. O 75% do custo do conxunto intermodal da cidade de Pontevedra será asumido pola Xunta, cun investimento de 4,6 millóns de euros e o 25% que resta, 1,5 millóns de euros, será asumido polo Concello de Pontevedra.

O documento tamén concreta a achega de cada unha das partes a cada proxecto obxecto do convenio, de tal xeito que o departamento de Infraestruturas da Xunta asumirá o 100% da reforma da actual estación de autobuses, cunha achega de 2,6 millóns de euros. E destina tamén 2 millóns de euros a garantir a intermodalidade do conxunto das estacións de autobuses e de ferrocarril, a través dos fondos FEDER.

Para a segunda fase do proxecto resérvase a humanización da praza da estación, a construcción dun novo acceso para autocares pola Avenida de Josefina Arruti, a unión da central de autobuses coa de tren a través dunha marquesina e o destape dun tramo do río Gafos. A empresa seleccionada disporá dun prazo de dez meses para acabar estos traballos, que costarán 2.928.080 euros.

Comentarios