As obras dos novos xulgados da Parda avanzan para estar listas no 2018

Nas últimas semanas leváronse a cabo excavacións, traballos en escollera, cimentacións e drenaxe da parcela que albergará o novo edificio xudicial de Pontevedra
Estado actual das obras na Parda
photo_camera Estado actual das obras na Parda

A Xunta está facendo un verdadeiro esforzo de cara a modernizar a Administración de Xustiza, aprobando na pasada lexislatura, entre outras cousas, o Plan de Infraestruturas Xudiciais, que comprendía actuacións de rehabilitación, ampliación ou nova construción de edificios xudiciais e obras de mantemento e mellora nos actuais edificios de xulgados.

É o caso das instalacións da Parda, que estanse a modernizar coa construcción dun novo edificio no que se reubicarán 14 xulgados.O investimento para esta infraestrutura xudicial supera os 17 millóns de euros; contará con máis de 21.000 metros cadrados e poderá albergar 28 unidades xudiciais, resolvendo así a carencia actual de espazos xudiciais na cidade, ao tempo que ampliará e complementará as infraestruturas actuais, integrándose co actual edificio, xa que esta nova construcción estará comunicada co mesmo a través dunha pasarela cuberta, formando un único complexo que estará rematado en 2018. Os atrasos no proceso expropiatorio dos terreos, e por tanto a súa posta a disposición da Xunta de Galicia, motivaron que ata agosto de 2016 non se puidesen empezar as obras de construción do novo edificio. A día de hoxe, leváronse xa a cabo escavacións, traballos en escollera e cimentacións, así como traballos para drenaxe da parcela.

Outras accións interesantes dentro do Plan de Infraestruturas Xudiciais son, por exemplo, a rehabilitación da Fábrica de Tabacos para uso xudicial, ou a nova sede para o Rexistro Civil da Coruña, para a que tamén se rehabilitou un antigo edificio. En canto á nova construción, pódese lembrar o novo edificio xudicial de Santiago, o novo edificio de Ourense, ou a nova sede do Servizo Común de Actos de Comunicación e Execución de Vigo. Ademais, tamén se realizaron obras de rehabilitación nas sedes xudiciais de Betanzos, A Coruña, Ferrol, Lugo, Celanova e Carballiño, na fiscalía de Vigo e acometéronse traballos de climatización nas sedes de Cambados, Vilagarcía e Vigo.

MODERNIZACIÓN. Por outra banda, a Xunta está a traballar para avanzar cara o expediente xudicial electrónico. A aposta pola dixitalización comenzou en 2009, coa posta en marcha do primeiro Plan Senda, con 23 millóns de euros en actuacións que se desenvolveron ata 2014.

Agora estase executando o Plan Senda 2020 -aprobado en 2015- e que dispón dun orzamento de 26 millóns de euros para conseguir a implantación efectiva do Expediente Xudicial Electrónico, que en Galicia ten todas as pezas en marcha, como o Visor do Expediente Xudicial Electrónico, que permite aos profesionais da Administración de Xustiza acceder desde calquera dispositivo á información dos expedientes xudiciais en formato electrónico, ou a sinatura dixital, que permite asinar sentencias e documentos online coa mesma validez que en papel, xa dispoñible para máis de 650 usuarios, entre xuíces, letrados, fiscais, forenses e funcionarios de seis órganos xudiciais e que durante 2017 estenderase a outros dez órganos xudiciais.

Máis do 80% das salas de vistas galegas contan con sistema gravación de vista e sinatura dixital, que permite incorporar as gravacións dos xuízos ao expediente xudicial electrónico. Galicia liderou a evolución deste sistema.

Nesta mesma liña, implantouse unha rede de Videoconferencias, que se ampliará este ano alcanzando todos os partidos xudiciais que non dispoñían destes dispositivos e reforzarase naqueles que rexistren máis intensidade de uso, segundo o acordado na última Comisión Mixta de Xustiza.

Tamén realizouse a renovación en 2016 de 390 postos de traballo e entre xaneiro-xuño abordouse unha segunda fase de renovación de 1.100 postos máis. A terceira fase, que empeza agora, suporá a renovación doutros 900. E está en marcha o Sistema de Xestión de Arquivos físicos e pezas de convicción, que permite localizar calquera expediente en papel en calquera sede xudicial así como a identificación e xestión dos bens incautados nun procedemento xudicial.

Comentarios