As obras en Ferreiros avanzan para abrir o vindeiro trimestre

No interior do futuro inmoble municipal xa están listas as instalacións das redes e equipos de climatización, orientadas ao aforro enerxético
photo_camera O edificio de Ferreiros. J. L. OUBIÑA

As obras no edificio municipal de Ferreiros avanzan segundo os prazos previstos para comezar a prestar servizo ao público no primeiro trimestre do ano. Así o corroborou a concelleira de Réxime Interior e Contratación, Anabel Gulías, tras unha visita técnica para coñecer a marcha dos traballos e o estado actual do acondicionamento.

A edil salientou que os traballadores e traballadoras que ocupen as novas dependencias "contarán cun entorno máis cómodo e accesible e poderán facer o seu traballo coas mellores facilidades" e engadiu que a posta en marcha da nova sede municipal suporá "unha mellora substancial da calidade do servizo de atención ao público".

O inmoble conta nestes momentos coa cristalaría exterior colocada e estase procedendo á instalación dos paneis que revisten a fachada, mentres que no interior veñen de ser instalados os sistemas de calefacción radiante e os de climatización, que forman parte dunha reforma pensada para aforrar até un 50% dos consumos de enerxía habituais nas oficinas deste tipo. De feito, tamén se colocará unha celosía de madeira exterior deseñada para refrescar as oficinas no verán ou manter o calor no inverno para conseguir unha cualificación enerxética de proxecto tipo A. As obras continuarán coa instalación dos elementos de revestimento interior, como os solos de madeira e os paneis, tamén de madeira, cos que está previsto revestir as paredes.

Esta nova sede municipal acollerá as oficinas de Tesourería e Urbanismo, na actualidade situadas no edificio de Michelena, no Teatro Principal e no edificio de Churruchaos. As novas dependencias municipais teñen unha superficie de 1.328 metros cadrados divididos en dúas plantas, unha de 600 e outra de 728 metros.

Acollerán a 70 funcionarios das áreas de Urbanismo (Disciplina urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa, Oficina técnica de licenzas e inspección, Oficina técnica de Rehabilitación, Servizo de Urbanismo, Planeamento e Patrimonio) e Tesourería (Tesourería, Xestión Tributaria, Contratación tributaria, tributos e inspección): 30 postos na planta baixa e 40 postos na primeira.

Comentarios