As obras en marcha en Pontevedra farán chegar o saneamento ao 97% do concello

As actuacións que se están executando como parte do novo contrato da auga xeran 417 postos de traballo directos
Obras de saneamento en verducido. ADP
photo_camera Obras de saneamento en Verducido. ADP

As obras que se están levando a cabo actualmente no concello de Pontevedra vinculadas ao novo contrato do ciclo da auga extenderán o saneamento ao 97,62% das vivendas e, unha vez que se execute tamén a segunda fase das mesmas, a capital do Lérez será a cidade galega con maior cobertura deste servizo.

Así o indicou este xoves o concelleiro responsable da xestión dos traballos, Raimundo González, quen precisou que nestes momentos están en marcha 25 dos 38 proxectos incluidos nestas melloras que figuran no contrato con Viaqua. Concretamente, as intervencións en execución suman 41 dos 58 millóns de euros ofertados pola empresa adxudicataria, o que representa o 71,3% do total.

Con respecto ao abastecemento de auga e só cos proxectos actuais, atenderase ao 91,5% da poboación "porque imos incorporar 3.154 novas acometidas", mentres que os traballos de saneamento inclúen 809 acometidas a maiores das xa existentes.

"E estas cifras incrementaranse cando teñamos rematado o 100% do investimento", que inclúe a segunda fase das obras en Santo André de Xeve, Verducido e Campañó e o depósito de auga de Marcón, tal e como manifestou González.

Además das melloras ambientais que supón a execución destes proxectos, o concelleiro nacionalista destacou tamén o seu impacto económico. Neste sentido, subliñou que as obras en marcha están a xerar 417 postos de traballo directos (inspectores, traballadores das empresas adxudicatarias...). A modo de comparativa, indicou que o Concello de Pontevedra ten 500 traballadores, "é dicir, estamos a poñer en marcha, case, outro concello", dixo en relación á cifra.

Do mesmo xeito, Raimundo González apuntou que as nove empresas que están traballando nestas obras son todas de Pontevedra e da súa comarca. "Para min é unha satisfacción enorme xerar estes postos de traballo e o valor engadido que queda aquí", dixo o edil, que tamén matizou que, aos postos de traballo directos, hai que engadir os indirectos e os inducidos.

"Moi bo ritmo de execución" 
Entre as obras en marcha figura a instalación de novas redes de abastecemento en Salcedo, Lourizán e Marcón e tamén traballos de saneamento en Campañó, Bora, Santa María e Santo André de Xeve e en Verducido.
Pese á complexidade de todos os proxectos (que, por exemplo, supoñen asfaltar 239 quilómetros de vías), Raimundo González destacou o seu "moi bo" ritmo de execución.
"Trátase de proxectos complexos que estamos a executar en todo o rural e que se están a desenvolver sen incidencias", indicou o concelleiro, que tamén sinalou que a Covid non influíu no seu desenvolvemento, "agás pola necesidade dun maior esforzo de xestión, porque non podemos facer reunións cos veciños e veciñas", dixo.
Ademais dos 25 proxectos en execución, quedan pendentes outros 13, que están en trámite.

Comentarios