As obras nas piscinas de Campolongo poderían comezar en abril

Concello e adxudicataria reuniranse este venres para concretar a data de inicio dos traballos

Vista exterior del complejo deportivo de Campolongo. CONCELLO
photo_camera Vista exterior del complejo deportivo de Campolongo. CONCELLO

O Concello de Pontevedra e a concesionaria e nova adxudicataria das piscinas de Campolongo, Serviocio-Beone, manterán este venres unha reunión para concretar o inicio da reforma das instalacións deportivas.

Segundo informa o Concello, e aínda que a data está por fixar, a priori, ambas partes parecen decantarse para iniciar os traballos no mes de abril e rematar en setembro, dado que a obra ten un prazo de execución de seis meses.

A empresa gañadora do concurso xa presentou o proxecto de execución que está sendo estudado polo servizo de arquitectura do Concello. Ten un orzamento de 5.140.000 euros, dos cales 4.333.000 euros serán da obra civil.

Mentres tanto, os servizos de Contratación, Arquitectura e Deportes e a adxudicataria, manterán este encontro para planificar as obras xa que o inicio terá que ser debidamente comunicado tanto aos 42 traballadores das piscinas coma aos usuarios.

O investimento previsto para estes 20 anos de concesión é de 34 millóns de euros. E a intervención suporá unha transformación das instalacións actuais para acondicionalas ao século XXI.

Ampliarase a superficie construída que pasará de 3.800 metros2 a 5.700; e a de actividades en seco de 700 m2 a 1.600 m2. Gáñase espazo na planta baixa, abrindo o edificio cara o paseo que está ao carón da Igrexa, que lle dará luminosidade a toda instalación.

Comentarios