As obras de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro comezarán en marzo

O Concello tamén está traballando na posible autorización do aparcamento do polígono do Vao

Zona pola que discorrerá a liña de alta tensión de Monte Porreiro. CONCELLO DE PONTEVEDRA
photo_camera Zona pola que discorrerá a liña de alta tensión de Monte Porreiro. CONCELLO DE PONTEVEDRA

As obras de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro comezarán nos primeiros días de marzo. Así se recolle no cronograma fixado polo Concello e a compañía Unión Fenosa, segundo informou a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías.

Os técnicos da Asesoría Xurídica e da área de Urbanismo do Concello de Pontevedra e os da compañía eléctrica mantiveron este luns unha reunión de coordinación sobre as obras. "O Concello cumpriu a súa parte" subliñou a concelleira, quen explicou que a obra civil necesaria para acometer a actuación prevista xa está rematada.

O Concello asinará proximamente un convenio con Unión Fenosa para a cesión de obra civil realizada, 680 metros lineais de canalización pola que descorrerá a liña soterrada que inclúe tamén dúas cámaras de empalme, 4 arquetas, máis arquetas de comunicación coas súas torretas. 

PARKING O VAO. A liña de alta tensión de Monte Porreiro foi un dos temas tratados na Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente na que tamén se deu conta do informe elaborado polo Concello para a futurible autorización do aparcamento do polígono do Vao.

O proxecto do Vao está en fase de autorización comercial e o seu promotor presentou a Costas unha proposta de aparcamento que afecta, en parte, a terreos de dominio público de Costas. Segundo explicou Gulías, a Xunta dirixiuse ao Concello pedindo un informe sobre a idoneidade da ubicación.

A concelleira explicou que, unha vez avaliada a situación polos técnicos municipais, "non vemos problema, e dicir, que daríamos un informe favorable pero é Costas quen ten a competencia para autorizar ou non".

A edil indicou que, a maiores este aparcamento podería ser un certo estacionamento de proximidade, xa que está conectado coa plataforma da AP-9, coa área da Xunqueira de Alba.

Comentarios