A ocupación das prazas de novo ingreso do campus baixa un 9% en só un ano

Pontevedra, cunha taxa de ocupación do 97%, pasa de primeiro a terceiro lugar da UVigo en dous cursos ► Ourense, en cabeza ► Os graos de Educación Infantil e Primaria chegan a superar o 110% en primeiro curso, mentres Forestais queda nun 42%
Facultade de Ciencias Sociais, no campus de Pontevedra. ARQUIVO
photo_camera Facultade de Ciencias Sociais, no campus de Pontevedra. ARQUIVO

En apenas dous anos o campus de Pontevedra pasou de ser o primeiro da Universidade de Vigo ao terceiro en canto a ocupación de prazas de novo ingreso, segundo os datos facilitados este luns, a través do Duvi, pola vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini. Se no curso 2019-20 a porcentaxe de ocupación era do 104% e no curso e no 2020-21 subira ao 106%, no actual baixou ao 97%.

Un total 3.728 das 3.786 prazas de grao de novo ingreso ofertadas este curso 2021-2022 pola UVigo en 61 titulacións quedaron cubertas, o que se traduce nunha taxa de ocupación global do 98,5%. Por campus, é o de Ourense cun 101% o que maior taxa de ocupación acadou, seguido de Vigo cun 98% e Pontevedra cun 97%.

Caparrini apunta que a ocupación superior ao 100% do curso pasado se produciu nun ano "anómalo en todos os sentidos"

En canto á matriculación de novo ingreso por xénero, 1.906 das 3.728 prazas cubertas corresponden a mulleres e as 1.822 restantes a homes. "A valoración dos datos de matrícula é moi positiva, a pesar de que a curva demográfica diminúe, a taxa de ocupación dos nosos títulos mantense nos últimos anos arredor do 98,5%", destaca Caparrini.

Así mesmo lembra que a ocupación superior ao 100% acadada o curso pasado produciuse nun ano anómalo en todos os sentidos, no que confluíron moitos factores relacionados coa pandemia e no que a institución académica "foi pioneira en adaptarse ás circunstancias e fixo as cousas moi ben, o que levou a moitos estudantes a depositar o seu futuro na UVigo".

Concretamente, respecto do curso pasado, no que taxa de ocupación acadou o 102%, neste 2021-2022 rexistrouse un descenso de 76 prazas ocupadas, aínda que o número das ofertadas superou en 42 ás do curso 2020-2021, cando a UVigo acadou os mellores datos de matrícula nos últimos 15 anos. En calquera caso, a cifra de matriculación rexistrada este curso sitúase como a segunda mellor nese período, cunha taxa que iguala á dos cursos 2019-20 e 2017-18.

En canto ás 3.786 prazas de novo ingreso ofertadas este curso en 61 graos, 2.034 (54%) correspondían ao campus de Vigo, 953 (25%) a Ourense e 799 (21%) a Pontevedra. Caparrini subliña tamén que o número de prazas de novo ingreso en titulacións de grao este curso é o maior dos últimos cinco, nos que das 3.775 do 2017-18, pasouse ás 3.770 do 2018-19, 3.749 no 2019-20 e 3.744 no 2020-21.

Graos favoritos. No campus de Ourense foron os graos en Educación Infantil e en Traballo Social, cunha taxa de ocupación do 127%, os que maior matricula de novo ingreso acadaron, seguidos do Grao en Xeografía e Historia que chegou ao 120%. Enxeñaría Agraria, cun 24%, e Turismo cun 45%, foron os que menos ocupación rexistraron.

No campus vigués, o Grao en Dereito acadou un 127% de taxa de ocupación, seguido do Grao en Economía cun 118% e dos graos en Educación Primaria e en Enxeñaría en Organización Industrial cun 117%. Os títulos que menor taxa de ocupación rexistraron foron os de Recursos Mineiros e Enerxéticos (22%) e Filoloxía Aplicada Galega e Española (44%).

A vicerreitoria de Estudantes valora os datos positivamente, pois a taxa mantense mentres a curva demográfica diminúe

Mentres, en Pontevedra foron os graos en Educación Infantil e Primaria, cun 113% e un 112% de taxa de ocupación, respectivamente, os máis demandados, seguidos do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte cun 105% de matrícula de novo ingreso. Pola súa banda, o Grao en Enxeñaría Forestal, cun 42% de taxa de ocupación, foi o que menos demanda acadou.

"Hai titulacións nas que a demanda é moito maior que a oferta e noutras ocorre o contrario, pero en xeral a tendencia dos último anos se mantén", valora Natalia Caparrini, que lembra que o plan de captación de alumnado da UVigo contempla, ademais das actividades de difusión da oferta completa da institución, accións específicas para cada un dos graos con menos demanda, en función das súas características e necesidades.

Cifras globais: A Universidade de Vigo suma 19.761 estudantes, dos que o 51,6% son mulleres

A UVigo acada a día de hoxe unha cifra total de estudantes matriculados en todos os cursos das titulacións de grao, máster e doutoramento de 19.761, dos que o 51,6% (10.213) son mulleres, mentres que o restante 48,4% (9.548 restantes), son homes.

Por campus, o de Vigo rexistra este curso 10.907 persoas matriculadas (55%); Ourense 4.805 (24%) e o de Pontevedra 4.049 (20%). Por tipo de titulación, o grao é que máis estudantado acumula, cun total de 16.238 alumnas e alumnos (82%); seguido do mestrado, con 2.187 matriculados (11%), e o doutoramento con 1.336 estudantes (7%).

"Dado que a oferta de prazas en todas as titulacións ofi ciais da UVigo se mantén, aínda que con lixeiras modifi cacións ano tras ano, as porcentaxes de matriculados en cada tipo de título, lóxicamente é constante", explica a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria.

CAÍDA DEMOGRÁFICA. Co obxectivo de facer fronte á previsible baixada no volume de alumnado por mor da caída demográfi ca, Caparrini lembra que xa están en marcha varias accións e todas elas pasan por captar estudantes internacionais.

"O noso obxectivo é atraer alumnado de países en que a lingua galega poida ser un valor, como Portugal ou Brasil, ou nos que hai presenza de emigración galega, como en América do Sur. Pero tamén e desde hai anos, estamos a traballar para atraer alumnado doutros países, como poden os asiáticos, pola gran demanda que hai hoxe en día neses países por cursar estudos fóra de Europa", detalla Natalia Caparrini.

Comentarios