Oliver Laxe, director de 'O que arde': "Asumín que ía ser un francotirador"

Laxe volveu este xoves á cidade na que se namorou dese cine "que da calor na alma"
Suso Novás xunto a Oliver Laxe co público que acudiu este xoves á proxección da película Cinexpo. DAVID FREIRE
photo_camera Suso Novás xunto a Oliver Laxe co público que acudiu este xoves á proxección da película Cinexpo. DAVID FREIRE

"TÉÑOLLE MOITO APREZO a esta cidade. Aquí vin as miñas primeiras películas de autor, no Cineclube Pontevedra. Aquí púxenme serio co cine: estas películas quedan dentro, dan calor na alma". Oliver Laxe (París, 1982) volveu este xoves á cidade que viu nacer a súa sensibilidade pola sétima arte e onde estudou dous anos nos albores do século XXI. Fíxoo para presentar en Cinexpo a súa nova película, O que arde, que está colleitando un aplauso unánime da crítica e do público.

Imaxinaba entón, cando estudaba en Ciencias Sociais, que volvería á cidade como autor dunha desas películas que queda dentro?
Non. Si lembro que aquí tiven o meu primeiro momento no que digo si que estou habitado por algo. Foi no festival IFI, que organizaban alumnos de Belas Artes, e fixen unha instalación relacionada coa guerra de Irak. Aí dixen pode que teña algo que expresar. Fun a Barcelona acabar a carreira e xa non parei de traballar, de ver películas, de ler, de ter proxectos... Asumín que ía ser un francotirador, que ía ser un cineasta nas marxes, cando fun vivir a Marrocos despois dun ano en Londres. Fago un obradoiro con pequenos en estado de exclusión social e despois dun ano e medio, entre cinco amigos e con 20.000 ou 30.000 euros, facemos a película Todos vós sodes capitáns (2010) e bam! Imos ao Festival de Cannes, e gañamos o Premio da Crítica. A única peli española. O meu lema sempre foi: colle o camiño máis difícil, porque é o persoal o que te fai crecer. Fuxe da facilidade coma do diaño. Sempre fun a contracorrente e, ademais, a situación do audiovisual galego era bastante desoladora.

Cre que mellorou esta situación case unha década despois da estrea deste primeiro filme?
Si, porque os festivais melloraron, caso de Novos Cinemas. Estase facendo un traballo serio en moitos niveis. Empeza a haber novos produtores que acompañan aos cineastas, moi creativos, moi valentes. Os realizadores que crecemos neses festivais estamos facendo un traballo de rigor, de servizo, responsable, amoroso, desacomplexado. Estamos a ter premios nos festivais máis importantes do mundo. En Toronto, en Cannes, en Berlín, en Locarno, en Rotterdam... Sempre preguntan que pasa en Galiza. Fomos os primeiros que estudamos fóra e volvemos á casa e quixemos traballar aquí. E cando a cidadanía innova e ten resultados a administración prégase. Agora temos unha relación de confianza. Os cineastas non estamos botándonos piropos, esixímonos moito. Isto é unha cruzada. O mundo está a caer. Paréceme moi poético, moi político e moi radical que poñan a nosa película nestes cines –en alusión a Cinexpo– e que aguante dúas semanas.

Nos festivais máis importantes do mundo non deixan de preguntar "que pasa en Galiza" con esta nova "caravana de cineastas"

Tendo en conta a oferta cinematográfica de Pontevedra, cre que o éxito de filmes como O que arde podería facer que se abra a outro tipo de cine? Hai público?
Si. Creo que Pontevedra é unha cidade moi noble, de excelencia. Hai xente moi cultivada, con facultades ligadas ás humanidades. O Cineclube está exercendo unha función bastante boa. A min nonme gusta laiarme. Tócanos a nós facer os cambios. Se a xente o quere e o necesita, conseguirao. Sempre que empezo un proxecto de película dinme: imposible, estás tolo. Unha película cunha muller de 85 anos e tres vacas...

Que nin sequera é actriz.
Que nin sequera é actriz... Non é nada sexi isto, esquécete. E aí está Benedicta viaxando por todo o mundo. Imos estar nos Goya. 20.000 espectadores e aínda non acabou a semana. É unha película que o peta, de súpeto, que trascende as estatísticas, e estásendo un evento social. Á marxe de que che poida gustar máis ou menos, despois destas dúas semanas viaxando con ela por España e Galiza, é unha película necesaria, unha película espello na que a xente se está vendo reflectida e reconectando con algo esencial. Está descubrindo sabores latentes. E non é a típica película que a xente está afeita a ver. Ten un sabor ancestral.

Tanto para a xente que vive no rural como para os que emigraron.
En Madrid e Barcelona hai xente que me chora nos pases. Xente que naceu na cidade. Hai un eco do campo. Os valores do rural, a linaxe da familia, non se eliminan así como así. Dinme teño un Amador na miña familia ou Benedicta lémbrame a miña avoa. Iso paréceme san, sobre todo neste mundo de tanta división, de películas de bos e de malos, maniqueas.

Paréceme moi poético, moi político e moi radical que poñan a nosa película nestes cines e que aguante dúas semanas

Amador. É bo? É malo?
Eu quería chegar a esa secuencia final e que empatices con todos, que entenderas a todos, non que xulgues. Xa xulgamos bastante na nosa vida. Xa están os políticos para dividir. A función dos cineastas é mostrar a complexidade do mundo con tolerancia. Agardaba este éxito? Eu sempre confiei no espectador. Ás veces faltáronme máis medios para facer as miñas pelis, experiencia ou oficio. Tamén as fixen en África e esta é a primeira en España, é normal que teña máis conexión. A xente é moi sensible, ten moita sede de luz, de alma, de esencia. Da mesma maneira que vai cambiando os hábitos alimenticios vai pasar igual co cine.

Cal será o seu próximo proxecto?
De momento o cine vai ir a lume lento. Estou cun proxecto de desenvolvemento rural nos Ancares, coa Unión Europea. É un centro pedagóxico, no que imos organizar dez ou doce actividades culturais ao ano. Dise moito que hai algo fúnebre nesta película, que estamos filmando unha Galiza que desaparece. É certo, pero segue viva e eu resístome a que morra. No que a min me toque vou facer todo para que sexa eterna, para que siga vivindo en nós, para que este sabor esencial que estamos experimentando no cinema se perpetúe.

"Este cinema é moi fráxil e a xente está respondendo; o mérito é voso"​
Naceu en París pero e a súa orixe é tan galega como a aldea de Navia de Suarna (Lugo) de onde era a súa nai e onde pasaba os veráns como bo fillo de emigrantes. Alí rodou O que arde, a súa terceira película, coa que está colleitando un enorme éxito de público que se suma ás unánimes louvanzas da crítica e aos prestixiosos premios internacionais, como o do Festival de Cannes. En menos dunha semana na carteleira xa chegou aos 20.000 espectadores, "unha cifra boísima; estou moi agradecido". Oliver Laxe estivo onte nos Cinexpo para presentar o filme na sesión das seis, que rexistrou uns tres cuartos de entrada. Seguirá en cartel unha semana máis, "e iso que é moi difícil competir con outras películas, como Joker", o que lle asegura poder estar nos Goya. "Agora a caravana de cineastas galegos ten éxitos internacionais e o recoñecemento da crítica e do público".

Aludiu a unha das súas frases favoritas para pedirlle ao público que vira a película "coa pel", onde está a alma. "Hai que poñerse cómodos e a arte penetra no espectador".

"Filmei nos prados e na aldea onde xeracións de familiares labregos traballaron durante séculos. Era moi consciente e iso está nas imaxes, a dor ancestral dos galegos campesiños". Así, aseguroulle aos espectadores que "o mérito" do éxito do filme "é voso", posto que "este cinema é moi fráxil e compite coas estreas de Hollywood".

De Cannes á gran pantalla
Laxe estivo acompañado de Suso Novás, codirector do festival Novos Cinemas e un dos seus mentores no seu mergullo cinematográfico hai case dúas décadas.

"Se esta película non tivera sido recoñecida pola crítica internacional e premiada en festivais moi prestixiosos non estabamos hoxe aquí véndoa", afirmou.