Once estudantes do campus recibirán os premios extraordinarios de grao

A UVigo, tal e como estaba previsto, aprobou o maior orzamento da súa historia: terá preto de 200 millóns para 2022
José María Martín.
photo_camera José María Martín.

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou este mércores o maior orzamento da súa historia. O correspondente a 2022 será de 198,7 millóns de euros, dos que máis de 155 son ingresos ordinarios, segundo informou o Duvi.

O vicerreitor de Economía, José María Martín, explicou que esta partida confirma "a senda de estabilidade orzamentaria da institución académica" e que "permitirá seguir avanzando en eixos estratéxicos do programa de goberno, especialmente centrados nas persoas". Así, o último proxecto de orzamentos do actual equipo de Goberno foi aprobado por unanimidade e deberá ser ratificado polo Consello Social o próximo 28 de decembro.

O aumento da contía respecto a 2021 débese ao incremento en axudas ao amparo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e a achega do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) 2022-2026. No orzamento de 2022 o capítulo de contas de persoas crece un 4,73% até o 61,59% do total, 122,4 millóns de euros.

O Consello de Goberno tamén aprobou un teito de gasto non financeiro para 2022 por importe de 164 millóns de euros e unha declaración institucional sobre a loita contra a fraude. Con este obxectivo, ademais de comprometerse a implementar os estándares máis altos no cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, e respectar os principios de integridade, imparcialidade, obxectividade e honestidade, a UVigo "ratifica o seu compromiso firme na loita contra a fraude e a súa política de tolerancia cero fronte a ela, á corrupción e aos conflitos de intereses, que efectúa cun robusto sistema deseñado para, na medida do posible, previr, detectar, corrixir e perseguir os actos de fraude ou calquera práctica que se afaste dun comportamento ético no uso dos fondos públicos, así como para corrixir o seu impacto, no caso de producirse".

Por outra banda, 49 estudantes da UVigo, 28 mulleres e 21 homes, recibirán os Premios extraordinarios de grao correspondentes ao curso 2020-2021. O Consello de Goberno aprobou outorgar este galardón a 24 estudantes do campus de Vigo (14 mulleres e 10 homes); a 14 do de Ourense (seis e oito, respectivamente) e a once do campus de Pontevedra, oito mulleres e tres homes. Está previsto que reciban a insignia da UVigo no acto de celebración de San Tomé, patrón da universidade, que o pasado mes de xaneiro foi suspendido por mor da pandemia.

Así mesmo, aprobouse o calendario para a tramitación de propostas y modificacións de titulacións para o curso 2023-24, coa novidade de que por vez primeira se acordou un calendario común ás tres universidades, "o que nos facilitará o traballo, xa que cada vez temos máis titulacións interuniversitarias", destacou o vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica, Manuel Ramos.

Cinco universitarias de Vigo e Pontevedra recollen o premio Sofía Novoa

Os traballos con perspectiva de xénero son obra de Nuria Ferreiro, Carla Souto, Marta Caldas, Tania Souto e Andrea Pérez 

Cinco estudantes resultaron gañadoras da sexta edición dos Premios Sofía Novoa, cos que a Deputación de Pontevedra recoñece cada ano a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos que se realizan nos campus de Pontevedra e Vigo.

O xurado premiou os TFG de Nuria Ferreiro Amoedo (Ponte Caldelas) e Carla Souto García (Caldas de Reis), e os TFM de Marta Caldas Fariña (Pontevedra), Tania Souto Rodal (Vigo) e Andrea Pérez Cambeiro (Cambados).

Os galardóns entregaranse nun acto programado para o próximo mes de xaneiro. No que respecta aos Traballos Fin de Grao, con dous premios de 1.000 euros cada un, Nuria Ferreiro foi galardoada por Convite ao avencer, un traballo de investigación e creación que se vertebra a través da vinculación ao territorio, do agarimo á cultura popular e dos vencellos persoais.

Carla Souto foi recoñecida pola obra ‘A perspectiva de xénero nas aulas de educación primaria cun enfoque baseado en proxectos. No traballo deséñanse proxectos que fan visibles as contribucións femininas, deste xeito da pé a que o alumnado reflexione sobre as interpretacións deformadas de sucesos do pasado ao non empregar a perspectiva de xénero.

Ademais, estes proxectos promoven, entre outras cuestións, a participación igualitaria do alumnado e a asunción de roles non estereotipados. Entre os Traballos Fin de Máster, con dous premios de 1.000 euros, Marta Caldas alzouse con este recoñecemento a través do traballo titulado A paridade na representación política da muller nos concellos clasificados como zonas pouco poboadas da provincia de Pontevedra e As Sensombreiro: voces silenciadas da Xeración do 27, de Tania Souto é unha unidade didáctica na que se propoñen actividades pensadas para achegar a literatura das mulleres pertencentes á Xeración dos 27.

Ademais, Andrea Pérez conseguiu un áccesit de 500 euros polo seu traballo Traballar a publicidade nas aulas con perspectiva de xénero.

Comentarios