O Oral recadou en 2021 un 4% máis que o ano anterior e chegou a 135,9 millóns

O 88% dos concellos da provincia teñen delegada a xestión tributaria no servizo da Deputación
Acto de presentación de la Memoria anual 2021 del Oral, este martes en la sede del organismo. DP
photo_camera Acto de presentación de la Memoria anual 2021 del Oral, este martes en la sede del organismo. DP

O órgano de recadación tributaria e catastral da Deputación, máis coñecido como Oral, recadou o ano pasado 135,9 millóns de euros, o que supón un incremento dun 4% con respecto ao 2020, é dicir, 8,9 millóns de euros máis. Así se recolle na Memoria anual presentada este martes pola presidenta provincial, Carmela Silva, e a directora da entidade, Inmaculada Viña. Segundo precisaron, o 88% dos concellos da provincia (o 94% no caso dos de menos de 20.000 habitantes) teñen delegada a xestión tributaria neste servizo. Con estes datos na man, Silva indicou que o Oral "tense convertido no elemento imprescindible da xestión tributaria na provincia" e "sen a súa axuda os concellos, coa escaseza de recursos que teñen, terían moitas dificultades de xestionar".

Tal e como recolle a Memoria presentada este martes, máis do 89% da xestión tributaria lévase a cabo a través do sistema de Padróns, xestionando 116,9 millóns de euros e recadando 107,4 millóns, que supoñen o 92,07% da xestión realizada (o ano anterior a porcentaxe fora do 89,44%).

En canto aos impostos máis coñecidos, no caso do IBI o Oral recadou máis dun 90% na metade dos concellos dos que ten a xestión, igual que no caso do IEA nas tres cuartas partes dos municipios. Tamén se incrementaron as porcentaxes de recadación voluntaria con respecto a 2020 do IAE no 4%, do ICIO no 1,5% e en taxas máis dun 4%.

Neste sentido, Silva destacou a "alianza total e absoluta" e "o respecto aos concellos", que "agora si coñecen a información real de xestión dos seus tributos", dixo.

ASISTENCIA. Outra cifra que mellorou foi a referida á asistencia á cidadanía, con 351.685 atencións directas que supoñen 76.277 máis que as realizadas no 2020. "Atendemos a máis xente e ademais diminuímos considerablemente os tempos de espera coa mirada posta na atención en tempo real", destacou a presidenta da Deputación, que lembrou que a atención integral non presencial aumentou nun 79% e a telefónica nun 26%, e tamén medraron nun 16% as facilidades nos pagamentos electrónicos e realizáronse máis de 598.000 transaccións a través da Oficina Virtual Tributaria.

Comentarios