"A oratoria é fundamental para todo; discutimos porque non sabemos debater"

O seu equipo non chegou á final do certame de debate, pero os xurados coincidiron en darlle o premio como mellor orador na categoría universitaria xa na fase clasificatoria
Pablo Abelleira Acebedo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)
photo_camera Pablo Abelleira Acebedo, mellor orador universitario no Parlamento Xove. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)

Parlamento Xove é unha competición promovida pola Dirección Xeral de Xuventude na que os diversos equipos inscritos investigan e debaten sobre un tema formulado pola organización. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, a favor ou en contra, en relación á cuestión formulada. O obxectivo deste programa é potenciar as habilidades individuais e en grupo, entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia.

Así mesmo, Parlamento Xove fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais. O pasado 18 de xuño tivo lugar a gran final no Parlamento galego e o pontevedrés Pablo Abelleira recibiu o premio ao mellor orador na categoría de Universidade. De 20 anos, acaba de rematar o segundo curso de Dirección e Xestión Pública no campus da súa cidade.

Tiña experiencia previa neste certame?
Como universidade foramos o ano pasado, que quedamos subcampións, e este ano, que como grupo non chegamos ás finais, a min nomeáronme mellor orador do certame a título persoal.

Teñen un grupo de debate ou oratoria na Facultade?
Non o temos, pero intentamos conformalo e seguir o proceso, porque queremos incluílo no curriculum, porque o noso grao ten parte de ciencia política, de sistemas políticas... para poder debater en clase e poder montar un grupo. Por agora somos catro persoas de segundo que nos unimos para apuntarnos a este certame: Sara Couso, Paula Balvís, Alba Expósito e eu. Nesta ocasión houbo outro grupo do campus.

Estabamos traballando para que o debate se inclúa no curriculum de Dirección e Xestión Pública

Entón este traballo non está recoñecido no curriculum?
Non. É todo en tempo á parte. Eu animaría ás universidades a que lle deran máis bombo a este tema, porque non se coñece. Case todos os grupos de universidade eran de Vigo, Pontevedra e Santiago.

Como se desenvolveu o certame?
A fase clasificatoria foi a finais de marzo, na Coruña. En anos anteriores había menos grupo e pasábase directamente a fase de cuartos, semifinais e final, que foi o que se desenvolveu o sábado pasado. O noso grupo non pasou esa clasificación e a min pedíronme que fora ver os debates e acompañar para recibir o premio.

Como se entende que recibira este galardón se o seu grupo nin sequera chegou á fase final?
A min tamén me fai bastante graza! O premio decidiuse nas clasificatorias, pero foi o que lles dixen: como os mellores oradores non están na final? Tedes que comprobar o sistema. Se quedan fóra tedes un problema na puntuación. Son métodos distintos. Elixen os grupos que se clasifican por unha rúbrica, pero os mellores oradores van a votación particular de cada xuíz ou xuíza. É dicir, eu na fase clasificatoria pasei por tres xurados distintos de tres persoas cada un e simplemente dixeron a persoa que mellor consideraron mellor orador. É totalmente subxectivo, non como a competición formal, que vai por rúbrica, o que fai que mellores oradores queden fóra da fase final.

Que significou para vostede este recoñecemento?
O recoñecemento sempre se agradece. Encántame o debate, a oratoria e o mundo político. Entón visitar outra vez o Parlamento de Galicia e poder debater con gurpos de compañeiros e compañeiras de campus de toda Galicia e onde coñecín a xente estupenda coa que agora manteño contacto é un gusto. E ademais do diploma, agasalláronnos cun e-book.

Falaba da importancia de introducir o debate no curriculum.
Si, levamos este curso falando co profesorado, co equipo decanal da nova facultade de DXP. Son horas que lle dedicamos a título persoal, pero levamos detrás o novo da facultade e da UVigo. Que nin sequera teña valor no noso grao, que temos que aprender a facelo antes ou despois... Para nós é fundamental saber falar en público. Chegamos a un acordo co decanato para incluílo nas guías docentes, facer debates na aula e que se valore dalgún xeito. Nalgúns institutos hai materias de debate, porque despois discutimos con todo o mundo porque non sabemos debater. A oratoria é fundamental para todo. Se non sabes falar en público dificilmente vas poder comunicarte co administrado ou co alumnado.

Cal foi o tema das clasificatorias, onde foi elixido mellor orador?
Debería existir unha regulación para ser youtuber ou influencer que garanta que desempeñen as súas funcións correctamente? Pareceume que este debate non existe na sociedade, a verdade, así que foi máis doado defender a postura en contra. Non como na fase final, que era se a Unión Europea debería de interceder en terceiros países ante inxerencias contra os dereitos humanos, que sí existe a nivel político e social. Pero en todo caso é interesante o traballo previo de preparar argumentos.

Comentarios