Orbil multiplícase por oito

A mascota do Salón do Libro invade Pontevedra con oito estatuas a tamaño real cheas de cor que animarán a acudir ao evento que se inaugura o venres. Queremos unha imaxe con todas!
O Orbil da Peregrina coas concelleiras Carmen Fouces e Pilar Comesaña e o alcalde. GONZALO GARCÍA
photo_camera O Orbil da Peregrina coas concelleiras Carmen Fouces e Pilar Comesaña e o alcalde. GONZALO GARCÍA

QUE TEN este lobiño que nos namora a todas? Laranxa con lunares amarelos, rosa con lunares azuis, azul con raias brancas... Se somos fans de Orbil estamos de noraboa, pois agora a mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil multiplícase por oito! O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e as concelleiras Carme Fouces e Pilar Comesaña foron os primeiros en percorrer o Orbil Parade, unha colección de oito estatuas que reproducen a súa figura e que poderán verse durante as vindeiras semanas en diferentes recunchos da cidade: o acceso ás Palmeiras, o parque Amalia Álvarez, Pasarón, a praza de Barcelos, os parques do Centro Leste e Campolongo, etcétera.

A intención é visibilizar o Salón na cidade e xerar expectación e ilusión na cativada, que fagan fotos con eles e se acheguen ao evento que encherá o Recinto e o Pazo da Cultura entre o 6 e o 28 de marzo.

Lores destacou a cor amarela do ubicado na Peregrina, relacionada co Camiño de Santiago, e convidou a todo o mundo a achegarse ao Salón. "Estes lobos son un aperitivo do que vai ser o Salón, igual que o foi a charla de Tonucci a pasada semana. Unimos estes lobos de cores divertidas co tema do humor, central este ano. Queremos que sexa un recordatorio de que o Salón está na cidade e hai centos de actividades para facer, polas mañás cos coles e polas tarde e a fin de semana en familia". Fouces avanzou que nos vindeiros días se publicará un mapa con todas as ubicacións para que a cidadanía "poida facer un roteiro e subir as súas fotos ou mandalas para que a subamos as propias redes do Salón.

Tamén haberá sorpresas co lobo que está dentro do propio Salón, en branco. Este ano son oito, pero en futuras edicións agardamos poder chegar a máis puntos da cidade". Así mesmo varios días haberá unha fotógrafa dispoñible para que as familias se acheguen e teñan a sua foto profesional con algún dos lobos.