"O orgullo foi e segue a ser unha loita"

Pontevedra vólcase coa celebración do Día do Orgullo cunha concentración na Peregrina, un acto institucional da Deputación, un 'maripicnic' no Campiño e unha festa PonteQueer en La Pomada

Pancarta que presidiu a concentración organizada por Avante na Praza da Peregrina. B.L.
photo_camera Pancarta que presidiu a concentración organizada por Avante na Praza da Peregrina. B.L.

O 50º aniversario da Festa do Orgullo; unha chamada de atención sobre o colectivo LGTBIQ+ (que agrupa a lesbianas, gays, transexuais, trasxénero, travestis, bisexuais, intersexuais, queer e pansexuais ou asexuais) máis desfavorecido -o que conta con poucos recursos ou sofre discriminación por outras razóns como inmigrantes ou maiores- e unha advertencia contra o ascenso da ultradereita foron os temas centrais do manifesto que o colectivo Avante leu este venres, na Praza da Peregrina, no que foi o acto central do 28 de xuño en Pontevedra. "O que temos que lembrar é que o orgullo foi e segue a ser unha loita".

Centos de persoas congregáronse no centro da cidade con bandeiras multicolor e pancartas reivindicativas para apoiar a convocatoria de Avante na defensa da liberdade sexual. O membro do colectivo organizador, Dani Seijo, e a activista trans e socialista Ada Otero (esta última arroupada por unha importante representación do PSOE de Pontevedra, que incluía ao alcalde en funcións, Tino Fernández, e aos concelleiros Paloma Castro e Iván Puentes, entre outros) foron os encargados de dar lectura ao manifesto. "A loita debe ser máis intensa no rural, para as persoas con menos recursos, para mozos e mozas para quen a súa identidade ou orientación non é algo "que se vai pasar co tempo"", dixeron. "Para aqueles que sofren, por diversos motivos, dobre discriminación: inmigrantes, persoas maiores, persoas con diversidade intelectual ou funcional ou persoas non binarias. O noso colectivo é diverso, como diversa é a nosa sociedade".

'VOX' E O VOTO. O manifesto de Avanta adicoulle unha parte a chamar a atención sobre o perigo que supoñen para o colectivo LGTBIQ+ as políticas de extremadereita. "Aínda que haxa persoas, con nomes e apelidos, e partidos políticos con 'vox' e voto en moitos gobernos que berren que non merecemos existir, debemos lembrar que esta loita aínda non rematou e que os dereitos que tanto traballo custou acadar podemos perdelos se segue avanzando e ocupando espazos públicos a ultradereita, veña de cara ou disfrazada".

A concentración de Avante, que rematou entre aplausos, deu paso a un pequeno percorrido a pé coa pancarta que presidiu o acto da Peregrina, na que se podía ler: '50 anos de loita'. O colectivo celebrou despois un 'maripicnic' no Campiño e, á noite, unha festa PonteQueer en La Pomada.