Un Orgullo con moita memoria

Pontevedra reivindica os fitos históricos en materia de diversidade e igualdade cunha pancarta no balcón da Casa da Luz
Despregue da pancarta con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI QA+, no balcón da Casa da Luz, na Praza da Verdura. GONZALO GARCÍA
photo_camera Despregue da pancarta con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI QA+, no balcón da Casa da Luz, na Praza da Verdura. GONZALO GARCÍA

Pontevedra volve ser multicor. O Concello inicia os actos con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+ coa instalación dunha orixinal intervención artística no balcón da Casa da Luz. O emprazamento da pancarta pasa da Praza de España á Praza da Verdura pola reforma da Casa Consistorial, que está a piques de comezar.

A bandeira deste ano reivindica os fitos históricos que marcaron o camiño a prol da igualdade e da diversidade. A primeira data que pode verse é a de 1901, ano da primeira voda entre dúas mulleres co casamento de Elisa e Marcela na Coruña. Séguelle neste percorrido 1969, cando se iniciou a loita organizada polos dereitos LGTB e a revolta de Stonewall en Nova York; 1977, primeiro colectivo LGTB organizado en Galicia, a Fronte de Liberación Homesexual; 1978, eliminación dos artigos que perseguían a homosexualidade dentro da ‘Ley de Peligrosidad y rehabilitación social’; 1981, primeira manifestación galega do Orgullo na cidade de Vigo; 1990, eliminación da homosexualidade da listaxe de enfermidades mentais por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS); 1999, primeiro debate sobre a realidade trans no Parlamento galego; 2005, aprobación do matrimonio igualitario en España, e 2015, ano no que a primeira persoa menor de idade acada o cambio rexistral de identidade en Galicia.

"A reivindicación do Orgullo non pode diluírse só na festa", lembrou este martes Hadrián Pernas, de Avante LGBT+ durante a inauguración da pancarta, que o Concello leva 15 anos seguidos exhibindo. O acto, no que participaron edís do PSOE (Yoya Blanco, Marcos Rey e Iván Puentes), do BNG (Eva Villaverde e Alberto Oubiña) e do PP (Guille Juncal), serviu para reivindicar a loita do colectivo dende a ditadura e para denunciar os ataques actuais da ultradereita. "A conquista de dereitos non é irreversible", advertiu a edil de Igualdade, Blanco.

Comentarios