Pontevedra inaugurou, co despregue da instalación Non á plumofobia no balcón da Casa Consistorial, o programa de actividades lúdicas, culturais e reivindicativas organizadas pola Concello con motivo da Semana do Orgullo LGTBIQ+ a través do programa municipal Pinto e Maragota. O acto, que consistiu na colocación de boas de plumas de cores sintéticas que penderán do Consistorio durante sete días, contou coa presenza da edil de Igualdade, Paloma Castro, e de varios concelleiros máis, así como da coordinadora do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES), Ada Otero.
Castro declarou que "a plumofobia está instalada na sociedade como unha forma máis ou menos sutil de odio, que se manifesta en expresións do tipo: Non me importa que sexas gai, pero tampouco fagas ostentación. Trátase dun concepto moi ligado ao colectivo LGTBIQ+. Ter pluma significa que se che nota que es gai ou lesbiana, é dicir, que rompes cos estereotipos da heteronormatividade patriarcal, que es un home afeminado ou unha muller moi masculina. E por iso, este ano queremos centrarnos na plumofobia, o odio cara unha expresión que identifica ao colectivo". A socialista engade que "dicir non á plumofobia significa non xulgar, deixar ser a cadaquén como é, sen valorar, cuestionar ou afirmar que hai unha forma correcta ou incorrecta de ser LGTBIQ+, e en definitiva, realizar unha defensa da liberdade de expresión física, corporal e emocional".
Segundo constatou, a plumofobia tamén está instalada dentro do propio colectivo "como un sinal de autoodio que indica que aínda temos moito que avanzar na aceptación e dignificación".
O programa deseñado pola concellería comeza este martes no primeiro andar do Mercado, con dúas actividades culturais e lúdicas. Ás 20.00 horas celebrarase na Ludoteca O Ganapán o Contacontos Diverso Rei e Rei, no que Sandra Ansín achegaralles aos máis pequenos historias e propostas coloridas para celebrar o Orgullo LGTBIQ+ (con inscrición previa a través do correo electrónico [email protected] e, por motivos de prevención, un aforo limitado a 10 rapaces). A partir das 22.30 horas, o Gastroespazo será escenario do San Xoán Travestí dos Vermús de Pinto e Maragota, un espectáculo de cabaré transformista con Drag Queen e Drag King interpretado por Marinita y sus maromas en clave de comedia musical. O aforo, neste caso, limitarase a 25 mesas.