O Oroza trasladará aos colexios e á rede a súa aposta pola nutrición saudable

Dous proxectos de innovación da escola de hostelería foron premiados pola Consellería. "É un recoñecemento á idea que queremos levar a cabo e unha confianza no noso traballo"
2020062018475961604
photo_camera Imaxe promocional do proxecto de pans saudables, na praza do Teucro (antiga praza do Pan). CEDIDA

Con A mesa do Oroza e Elaboración de pans saudables empregando sales baixas en sodio, o CIFP Carlos Oroza vén de gañar dous novos premios dos que convoca a Consellería de Educación para o desevolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica ou de innovación didáctica no ámbito da FP. Con eles son xa oito as iniciativas premiadas nos últimos sete anos e que inclúen dende a PonteVan aos proxectos sobre a camelia ou o turismo accesible.

Os galardóns, ademais de sumar case 34.000 euros para poder materializalos ao longo do vindeiro curso (se as circunstancias sanitarias así o permiten), supoñen "o recoñecemento a unha idea que queremos levar a cabo co alumnado e é un sinal de confianza no noso traballo", subliña a vicedirectora do centro educativo pontevedrés, Pilar Tallón. "É un traballo extra para o profesorado brutal, pero o resultado dános a razón para seguir traballando así".

A mesa do Oroza, dotado con 21.274 euros, foi premiado na modalidade de Innovación Didáctica. O seu obxectivo é presentar á sociedade,sobre todo ao alumnado de Infantil e Primaria, pautas que lle permitan educarse nunha alimentación saudable, así como facer un labor divulgativo de hábitos alimenticios axeitados a través dunha ferramenta de comunicación audiovisual e accesible, como é un canal de Youtube.

As elaboracións de comidas, bebidas e produtos de panadería foron creadas polo alumnado e o profesorado baseándose na formación impartida por Aitor García (Mi dieta ya no cojea) e Lucía Martínez (Vegetarianos ConCienciados), recoñecidos nutricionistas que pasaron este curso polo centro. Tamén contaron con prestixiosos asesores como os chefs Javi Olleros (Culler de Pau) e Iñaki Bretal (O Eirado da Leña).

"A idea é realizar unha serie de programas tipo Canal cocina"

"A idea é realizar unha serie de programas tipo Canal cocina, no que o estudantado de Cociña, Servizos e Panadaría elaboraría receitas sinxelas, asequibles e, sobre todo, saudables, para a súa difusión", explica a memoria. Dedicaranlle espazos aos almorzos e merendas, a comidas e ceas, a bebidas e sobremesas saudables e tamén haberá un programa especial sobre os beneficios e posibilidades que proporciona unha horta escolar (como a do propio centro) e outro sobre actividades físicas a través de xogos para realizar en familia.

Os obxectivos principais do proxecto son que o alumnado aprenda facendo, poñendo en práctica os contidos aprendidos durante as súas clases; facer divulgación da alimentación saudable a través de ferramentas que poidan chegar a toda a sociedade e fomentar no estudantado de hostelería e turismo e industrias alimentarias os hábitos que lles axuden a mellorar a súa alimentación e a estar formados correctamente para que poidan ser transmisores destes hábitos á sociedade a través das súas futuras actividades profesionais.

Tamén pretenden poñer en valor os produtos galegos de temporada e quilómetro cero, "a nosa identidade gastronómica", a través das accións divulgativas; facer un programa de cociña en galego para crianzas; estimular a creatividade do alumnado de FP participante e promocionar a formación dos centros públicos da FP de Galicia, "amosando á sociedade o que somos capaces de facer no ensino e o que o noso alumnado será capaz de desenvolver cando remate a súa formación e se incorpore á vida laboral".

En A mesa do Oroza participan doce docentes e aproximadamente uns 250 estudantes, aínda que o centro pontevedrés non está só na aventura e, de feito, ao que lle corresponde boa parte da dotación económica é o CIFP Imaxe e Son da Coruña, que terá "unha oportunidade espectacular" para demostrar a súa valía realizando un programa televisivo, subliña Pilar Tallón.

ITINERANTE. Os outros institutos implicados son o veciño IES Montecelo, que deseña o plató na aula demostrativa, e o IES Miguel Ángel González (Vilagarcía), que deseña as actividades físicas, baseadas en bailes populares galegos.

E, ao outro lado da pantalla estará "uns bos xuíces", os alumnos do CEIP de Viñagrande-Deiro (Vilanova), todos uns expertos en alimentación saudable. Un dos seus metres, Sergio Rosales, será o encargado de "plantexar a didáctica" para que a divulgación ante un público tan novo sexa a máis axeitada. "A idea é que o proxecto rule polos colexios de Pontevedra. Somos un centro público e temos unha misión co noso contorno social de transmitir bos hábitos alimenticios".

A intención é que, á volta de setembro, se distribúan as tarefas para ir gravando os programas durante os seguintes meses. "A presentación sería na vindeira edición do FP Innova, en maio, para que xa se poida ir polos colexios no curso 2021-2022".

O proxecto recoñecido na Modalidade A, de innovación tecnolóxica ou científica, ten como obxectivo elaborar pans saudables empregando sales baixos en sodio. A súa dotación, de 12.517 euros, será compartida coas outras entidades implicadas: o CIFP de Coroso (A Coruña), a empresa Técnicas Químicas Industriales SA e o Departamento de Enxeñería Química do campus de Ourense (UVigo).

IES MONTECELO. Ademais de participar no proxecto premiado capitaneado polo Carlos Oroza, o IES Montecelo foi recoñecido co seu propio premio, na modalidade A, grazas á iniciativa Aproveitamento da enerxía cinética residual nos vehículos, dotada con 6.152 euros.

Trátase do quinto premio de innovación en só catro anos, que se suma ao palmarés doutros tres na convocatoria Eduemprende, dúas medallas Skills, outros dous de inclusión educativa ou un galardón en Depoemprende na FP, esta mesma semana, lembrou o director do instituto, Miguel Carballa.

Neste proxecto de innovación trátase de demostrar que é posible face un aproveitamento da enerxía residual derivada do movemento dos vehículos.