Os traballos para instalar un segundo centro de compostaxe no campus da Xunqueira arrancan esta semana

Estará situado no aparcamento da Escola de Forestais e contará con seis módulos

Esta semana comezarán os traballos para poñer en marcha o segundo centro de compostaxe no campus universitario da Xunqueira que se situará no aparcamento da Escola de Forestais.

Primeiro instalarase a base do composteiro –feita cunha base de formigón e dotada con punto de auga e tamén de papeleira– e a despois colocaranse seis módulos de compostaxe.  

Na actualidade o Campus universitario dispón dun centro entre as escolas de Ciencias Sociais e de Forestais. Ten dez módulos e composta arredor de 200 comidas da cafetería de Ciencias Sociais e 80 comidas da Escola de Forestais. O novo centro de compostaxe atenderá soamente a Forestais e o primeiro só á Facultade de Ciencias Sociais.

Cabe lembrar que nos tres primeiros meses de funcionamento do composteiro do Campus recolléronse 5 toneladas de biorresiduos, e a previsión é que remate o ano –dende a súa implantación– con 20 toneladas.

Comentarios