Os 'cantos' multiplícanse en Pontevedra

O traslado dos concertos a cuberto, a estensión ao Teatro Principal e ao Museo e as actuacións de Mário Lúcio e Cesária Évora Orchestra marcan a segunda xornada do festival 

Cantos na Maré ocupa Pontevedra. A nova etapa do festival lusófono, agora amplicado a outras músicas e renovado, comezou oficialmente onte, trala inauguración do xoves á noite a cargo de Teresa Salgueiro (ex Madredeus), cunha programación que se estendeu ao Teatro Principal e ao Museo de Pontevedra, e que tivo como pratos fortes os concertos de Mário Lúcio e da Cesária Évora Orchestra.

Foi co contacontos Unha manchea de contos de salitre, de Bea Campos, que botaron a andar (11.30 horas) as actividades no Sexto Edificio do Museo. Ao mesmo tempo proxectábase a primeira das películas do ciclo de cine que organiza o festival: Cesária Évora-nha Sentimento

Tamén pola mañá tivo lugar o concerto que ofreceron o caboverdiano Mário Lúcio (exministro de Cultura do seu país) e o guitarrista portugués Julio Pereira. O primeiro volverá estar presente este sábado en Cantos na Maré, porque presenta na Librería Paz (12.30 horas) o seu libro Meu verbo Cultura nun acto aberto ao público.

As propostas vespertinas (17.30 horas) comezaron da man da agrupación de música tradicional Maravallada, que actuou na Botica e na Navarra dentro dunha iniciativa que bautizou 'Canto Canto' e para a que está previsto que contaran coa colaboración de músicos e cantantes do festival.

GALILUSOFONÍA. Tamén foi pola tarde que se celebrou o Foro na Maré no Pazo da Cultura, dentro do que quedou constituída a Rede da Galilusofonía. Esta iniciativa nace da reunión de trece proxectos e asociacións galegas e portuguesas que decidiron unir esforzos "para impulsar as relacións lingüístico-culturais entre Galicia e a Lusofonía", explicaban os organizadores de Cantos na Maré. Entre elas estaban A Mesa, Ponte nas Ondas ou o Festival de Poesía do Condado.

Á noite tiveron lugar os concertos centrais da xornada, todos no interior do Pazo da Cultura por causa do mal tempo. Foron os de Cesária Évora Orchestra, Capicúa ft. Wöyza e Eva Rap Diva, Vudú e García MC Nación Quilombo ft. Alejandro Vargas.