AXENDA DO DÍA

"Os libreiros son como faros que alumean en tempos de tempestade"

O escritor Alberto Fortes reivindica o papel dos libreiros e o pracer da lectura no pregón inaugural da Feira do Libro de Pontevedra

Do Capitán Trueno a Sherlock Holmes, o escritor pontevedrés Alberto Fortes enumerou algúns dos personaxes literarios que axudaron a formalo como persoa e o acompañaron ao longo da súa vida. Foi no pregón inaugural da Feira do Libro de Pontevedra, un evento que se prolongará ata o 10 de abril na Praza da Ferraría e no que Fortes reivindicou o papel dos libreiros na sociedade e o pracer da lectura como piar fundamental tanto da educación sentimental como da traxectoria vital persoal. "Os libreiros son como faros que alumean en tempos de tempestade", dixo un pouco antes de referirse ao autor que inspira o lema da feira, A patria na palabra, que é Manuel María, homenaxeado o vindeiro 17 de maio.

"Cos libros pode ser un de onde lle peta. Para ser da Boa Vila basta con coñecer algunhas páxinas de Valle-Inclán ou Torrente Ballester ou da colección de poesía Benito Soto, que sacou Sabino Torres", comentou Fortes. "A vida pódese torcer de mil maneiras, pero, se agardan ao cabo do día Long John Silver ou Huck Finn ou Guillermo de Baskerville, cabe a esperanza. Os libros sálvannos dos combates diarios".

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, participaron tamén no acto inaugural da Feira do Libro.

Comentarios