Los Reyes Magos buscan ayudantes para Navidad entre los pontevedreses

A campaña de recollida de xoguetes novos pretende chegar a máis de 500 nenos e nenas das familias máis desfavorecidas do Concello
Presentación da campaña 'Tira do Lazo', no Concello de Pontevedra
photo_camera Presentación da campaña 'Tira do Lazo', no Concello de Pontevedra

Todos os nenos e nenas de Pontevedra terán agasallos este Nadal. O Concello de Pontevedra, a través de Redeaxuda, e a ONG Meniños propuxéronse facer chegar agasallos a todas as casas onde vivan cativos.

Para conseguir este obxectivo, o Concello presentou este martes o programa Tira do lazo, polo que os pontevedreses poderán recibir as cartas dos pequenos das familias con menos recursos económicos e cumprir os desexos dos cativos. Esta iniciativa xa se levou a cabo o ano pasado e acadou un enorme éxito, de xeito que 492 nenos e nenas recibiron agasallos grazas á colaboración das persoas que quixeron formar parte da iniciativa.

Os rapaces piden os xoguetes que queren nunha carta destinada aos Reis Magos que logo se lle fai chegar aos voluntarios interesados en seren colaboradores de Melchor, Gaspar e Baltasar e axudarlles mercando un regalo para un neno con poucos recursos. "Existen requisitos, como que o prezo do xoguete non sobrepase os 30 euros", explicaba o martes Roberto Antón, de Meniños, que contaba que a finalidade deste límite é que os regalos teñan máis ou menos o mesmo valor.

"Haberá nenos e nenas que sexan moi responsables e, en vez de pedir xoguetes, pedirán roupa ou calzado, pero o obxectivo da iniciativa é regalar xogos novos", contaba este martes Carmen Fouces, concelleira de Igualdade e Benestar Social.

Na última edición desta campaña sobraron colaboradores, de xeito que había máis xente disposta a axudar que menores que o precisasen. "Desta vez xa hai xente que pasou pola Casa Azul para que lle reservemos unha carta e encargarse dos agasallos dun neno", contou Antón, que agradeceu a colaboración dos pontevedreses. Tamén Carmen Fouces destacou a resposta da cidadanía pontevedresa, que se interesa por este tipo de iniciativas "de xeito excepcional; é digno de estudo".

Para inscribirse como cómplice dos Reis só é preciso solicitalo a través do enderezo de correo electrónico [email protected] ou directamente na Casa Azul de Pontevedra. Esta iniciativa irá destinada a nenos e nenas de entre cero e 18 anos e prevé chegar a máis cativos que o ano pasado, de xeito que se superarán os 500 rapaces e rapazas.

Os organizadores deste programa recomendan aos participantes facer as súas compras no comercio da cidade "porque así é máis fácil realizar os cambios que fosen precisos e porque tamén é unha axuda aos establecementos do tecido comercial local".

NOS COLEXIOS. Ademais, todos os nenos menores de sete anos, independentemente da situación económica familiar, recibirán un modelo de carta ás súas maxestades nos seus centros educativos ao longo destes días que contén tamén unha mensaxe das súas maxestades de Oriente para os máis pequenos. "O modelo de carta ten un papel especial, moi bonito e coidado porque non é unha carta destinada a calquera", contou Fouces.

Os pequenos terán tempo de redactar os seus desexos e depositalos nunha caixa do correo que se instalará no Concello a partir da vindeira semana.

Comentarios