Los ganadores

Os premios Xerais chegan á cidade de Pontevedra

Santiago Lopo faise co premio de novela pola obra 'A arte de trobar' e Manuel Lourenzo gaña o Jules Verne de Literatura Xuvenil por 'Ceiba de luz' ►O terceiro galardón que entrega anualmente a editorial, o Merlín de Literatura Infantil, foi para a ceense María Canosa
Os tres gañadores dos premios da editorial Xerais posando xuntos onte na Illa de San Simón.
photo_camera Os tres gañadores dos premios da editorial Xerais posando xuntos onte na Illa de San Simón.

O autor vigués afincado en Pontevedra Santiago Lopo e o mestre e escritor de Vilaboa Manuel Lourenzo fixéronse onte con dous dos tres premios que entrega anualmente a editorial Xerais. Lopo conseguíu o de novela pola obra 'A arte de trobar' mentres que Lourenzo se fixo co Jules Verne de Literatura Xuvenil por 'Ceiba de luz'. A terceira galardoada foi María Canosa (Cee, A Coruña, 1978), que gañou o Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil pola obra titulada 'Muriel'. Cada un deles está dotado con 10.000 euros.

A Illa de San Simón, en Redondela, acolleu onte a entrega dos Premios Xerais, que se celebrou no transcurso dunha velada cultural á que asistiron 300 persoas, segundo informaron os organizadores. A condutora da cerimonia foi a directora de promoción e prensa de Xerais, Celia Torres, que abriu o acto lembrando a figura do escritor Agustín Fernández Paz, finado o pasado verán e ao que se lle adicaba a edición dos premios deste ano. Torres destacou, ademais, a continuidade acadada no contexto literario galego destes recoñecementos (o de novela leva entregándose 34 anos, o de literatura infantil 32 e o de literatura xuvenil nove). En 2017, neles participaron 96 orixinais repartidos entre as tres categorías.

FERNÁNDEZ PAZ. Segundo informou Xerais, tras Torres interveu a tradutora Isabel Soto para presentar 'Un mundo de palabras', un traballo no que se recollen os textos de Fernández Paz sobre o libro e o fomento da lectura. Soto, editora literaria deste título, sinalou que "nesta obra de Agustín Fernández Paz cúmprese á perfección o principio de que a lectura e a escritura son as dúas caras dunha mesma moeda, e de que todo escritor, antes de selo, é lector".

O mantedor literario da entrega de premios foi o escritor e divulgador científico Xurxo Mariño e o apartado musical correu a cargo da Banda dos Cueiros. O acto pechouno o director de Xerais, Manuel Bragado.

No caso do premio a María Canosa, que xa fora finalista do Merlín en dúas ocasións, o xurado destacou que presentara unha historia "orixinal e sedutora, na que cada palabra conta, pois esa é a súa esencia, a das palabras, a das que se din e a das que se calan". Segundo explicou a autora ao saberse gañadora, "non pretendo unha obra moralista, máis quixera afondar na xustiza a na honestidade de xeito natural".

Comentarios