Os "Oscar da provincia" entregaranse na Boa Vila o día 30 na gala Mulleres no Foco

A Deputación e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais recoñecerán o talento feminino no sector outorgando tres premios entre as 17 candidatas aos galardóns
Mulleres no Foco
photo_camera Presentación da gala da segunda edicición de Mulleres no Foco, este venres no Pazo Provincial. DP

A Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) xa teñen todo preparado para a gran gala na que entregarán os premios da segunda edicición de Mulleres no Foco, uns galardóns cos que ambas entidades recoñecen e promocionan o talento feminino do sector audiovisual. 

O acto celebrarase o día 30 no Auditorio Afundación de Pontevedra e a presidenta provincial, Carmela Silva, prometeu que será "o evento máis importante do audiovisual e do cinema en Galicia e no Estado", ata o punto de que asegurou que "serán os Oscar da provincia".

A dirixente presentou este venres os detalles da gala xunto a Marta Villar, a nova delegada de (CIMA), e ás actrices Arantxa Treus e Mónica Sueiro, que serán as encargadas de conducir o evento no que se darán a coñecer ás tres premiadas de entre as 17 candidatas aos galardóns


Están invitadas a asistir representantes da cultura, da sociedade e dos concellos, pero a gran cita quere contar coa implicación da cidadanía, por iso Silva animou a que a xente encha as 400 prazas do auditorio e se inscriba a través de [email protected].

A primeira edicición tivo lugar o ano pasado en Vigo, pero a presidenta provincial subliñou que esta "vai ser aínda máis tremenda, absolutamente potente" porque "o talento feminino ten que ser visibilizado en grandes eventos" e os premios Mulleres no Foco "son xa a grande referencia do apoio ao cinema e ao audiovisual feito e participado por mulleres, non só de Galicia senón de todo o Estado", lembrou.

A gala contará coa actuación musical en directo da cantante Sés e cun photocall de cine amenizado por Sarao Animación, ademais de moitas sorpresas e escenificacións. Tampuco faltarán os abanos vermellos co lema Hai mulleres. Mulleres no Foco, o hashtag dos premios.

É moi importante non só o recoñecemento, senón tamén a dotación económica

Pola súa banda, a directora de arte e delegada de CIMA, Marta Villar, agradeceu á Deputación a posta en marcha destes premios e o feito de darlles continuidade. "É moi importante para as mulleres do audiovisual, non só o recoñecemento, tamén a dotación económica, porque é un premio en efectivo que impulsa novos traballos e perspectivas e non é  doado acadar ás  veces a parte económica necesaria para levar a cabo un novo proxecto. E non hai premios en España, nin para homes, con esta dotación, no audiovisual", destacou.  

As tres gañadoras de Mulleres no Foco recibirán 5.000 euros, pois a dotación incrementouse en 2.000 euros con respecto á primeira edición.

A presidenta provincial destacou que a Deputación seguirá a incrementar a contía destes galardóns en futuras edicións, "porque cando son para eles teñen contías máis altas e o que non ten prezo perde valor", dixo. Ademais, Silva quixo poñer en valor o traballo de CIMA "poñendo claro sobre escuro nos datos inaceptables da situación das mulleres e na promoción de actividades para que cada día haxa máis mulleres, sexan máis visibles  e teñan os dereitos que lles corresponden", concluíu.

As 17 candidatas nesta segunda edición dos premios Mulleres no Foco representan todas as idades e especialidades do audiovisual
Son Manane Rodríguez Rodríguez, Jaione Camborda Col, Lucia Catoira Pan, Xisela Franco Costas, Maria Isabel Martínez  Martínez, Pilar Comesaña Amado, Micaela Sinde Stompel, Araceli Gonda Cabrera, Tatiana Rodríguez Vázquez, Beatriz Legerén Lago, Andrea Vázquez García, Natividade Juncal Portas, Paula Cons, Chelo Loureiro, Lucía Estévez González, Adriana Pérez Villanueva e Belén Montero Rodríguez.