Óscar García opta a continuar como decano de Ciencias da Educación

O docente, no cargo desde 2021, encabeza a única candidatura presentada no proceso electoral aberto na Facultade

Óscar García, nas instalación da Facultade. DUVI
photo_camera Óscar García, nas instalación da Facultade. DUVI

Decano de Ciencias da Educación e do Deporte desde 2021, o profesor do Departamento de Didácticas Especiais, Óscar García, optará a un segundo mandato á fronte desta facultade na votación que terá lugar o vindeiro xoves 29 de febreiro, segundo informou onte o Duvi. Coincidindo co remate do seu primeiro período no Decanato, o centro abría hai unhas semanas un proceso electoral ao que se presentaba unicamente a candidatura encabezada por el, que onte foi proclamada de xeito definitivo e que completan os actuais integrantes do equipo decanal.

Xunto a García, forman parte da candidatura as vicedecanas Eulalia Agrelo (Relacións Internacionais) e Begoña Paz (Prácticum e TFG) e os vicedecanos Uxío Pérez (Organización Académica e Infraestruturas) e Ezequiel Rey (Calidade), así como Vicente Romo como secretario académico. "Presentámonos porque aínda quedan algúns retos moi importantes para a facultade no futuro inmediato, que asumiramos previamente e que temos que intentar pechar", destaca o candidato á reelección.

Profesor da Área de Educación Física e Deportiva e investigador do grupo HealthyFit, dentro do que coordina o Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar, García sucedeu a Romo á fronte da facultade en abril de 2021, despois de que a súa candidatura obtivese 51 votos a favor, seis en contra e tres abstencións na votación efectuada en Xunta de Facultade.

Da súa primeira etapa á fronte do Decanato, García destaca en primeiro termo que se acadou "un gran ambiente de traballo e respecto entre os compañeiros e entre o estudantado" e sitúa de feito como "primeiro obxectivo" de cara a un segundo mandato "seguir traballando para que os nosos compañeiros e o alumnado teñan o mellor espazo laboral e de estudo posible".

Ampliación do centro

Así mesmo, salienta tamén o traballo realizado pola comunidade do centro para ofrecer "unha formación de gran nivel" e a habilitación de dous novos laboratorios, un de kinesioloxía e neuromusculación, inaugurado no mes de novembro, e outro de innovación educativa, "que se vai pór en marcha en breve". Trátase de "dous espazos que eran vitais para facultade", lembra o actual decano, que incide, non obstante, en que "temos pendente unha ampliación do centro que é moi necesaria, porque temos unha gran carencia de espazos".

Entre os obxectivos dos próximos anos, destaca tamén o impulso, xunto á UDC, dun máster en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva, unha titulación da que o Consello de Goberno da UVigo vén de aprobar a súa declaración de interese, coa que se inician os trámites para acadar a súa posta en marcha no curso 2025/2026. Outra cuestión é a modificación das normas que regulan o acceso á profesión docente na que traballa o Ministerio de Educación e que afectarían aos graos en Educación Infantil e Educación Primaria. "As universidades temos que colaborar".

Comentarios