Otorrinos do Chup operan por primeira vez co robot cirúrxico Da Vinci

Un equipo de cirurxía robótica, composto por otorrinolaringólogos, enfermeiros e anestesistas, interveu un caso de cancro de colo
Membros do servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUP co robot Da Vinci. DP
photo_camera Membros do servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUP co robot Da Vinci. DP

Profesionais do servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (Chup), coordinados polo xefe deste servizo, o doutor Ismael Arán González, realizaron no hospital Montecelo a súa primeira intervención cirúrxica coa técnica de cirurxía robótica transoral –para boca e gorxa– a través do robot cirúrxico Da Vinci.

Un equipo de cirurxía robótica, composto por otorrinolaringólogos, enfermeiros e anestesistas, interveu un caso de cancro de colo. A través dunha consola que permite aumentar ata dez veces o tamaño da imaxe, os doutores guiaron ao robot Da Vinci que, grazas á súa capacidade e alta precisión de movementos, permitiu unha intervención que tamén reduce o risco de complicacións.

VISUALIZACIÓN EN 3D. Cómpre sinalar que o Da Vinci dispón dunha consola de control con mandos ergonómicos e unha columna móbil, da que parten catro brazos nos que, en función da intervención a efectuar, adáptanse diversos instrumentos que se introducen no paciente para levar a cabo a cirurxía. Ademais, un destes brazos introduce unha cámara que permite visionar en tres dimensións as estruturas dentro do paciente, amplificando con precisión as imaxes cun grao de nitidez moi elevado.

Os otorrinolaringólogos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra logran aumentar as precisións da cirurxía grazas a esta tecnoloxía que, segundo sinala o Doutor Arán "é moi intuitiva, pero require unha formación previa, dado que permite determinadas abordaxes, ángulos e movementos que nas cirurxías por vía laparoscópica presentarían unha maior limitación".

REDUCE AS CICATRICES. O xefe do servizo de Otorrinolaringoloxía do Chup engade que "o Da Vinci apórtanos na nosa Área Sanitaria desde 2021 técnicas que permiten acceder a lugares aos que é máis complicado ou imposible con outras cirurxías, pois reduce as cicatrices que, aparte dos problemas estéticos que supoñen, poden limitar a fala ou a deglución, evita ademais a necesidade de utilizar unha sonda nasogástrica no postoperatorio e problemas para que a persoa operada poida comunicarse e comer sen problema os días seguintes".