"Otros prefieren jugar al fútbol, pero la biblioteca es muy divertida"

Os CEIP de Ponte Sampaio e A Xunqueira I participan nunha iniciativa de voluntariado de lectura

Alumnas voluntarias de 6º len un conto á rapazada de Infantil. GONZALO GARCÍA
photo_camera Alumnas voluntarias de 6º len un conto á rapazada de Infantil. GONZALO GARCÍA

Hai un cento de rapaces e rapazas que cursan quinto e sexto de Primaria en Pontevedra que, no tempo de lecer que lles deixa o horario lectivo, prefiren ir dereitos á biblioteca do centro que xogar no patio ou darlle patadas a un balón. Son os participantes da iniciativa Voluntariado de Lectura, impulsada pola Consellería de Educación dentro do programa Bibliotecas Escolares Solidarias.

Aínda que son moitos os colexios onde estas actividades se levan a cabo de xeito informal desde hai anos, en Pontevedra só son dous os que están adheridos de xeito oficial ao dito programa: os CEIP de Ponte Sampaio e A Xunqueira I. En Galicia son 82, dos que 31 están na provincia.

Educación aposta pola formación do alumnado en actitudes solidarias e de compromiso co entorno máis próximo, e as bibliotecas son uns espazos óptimos para "axudar a paliar as desigualdades no acceso aos recursos culturais e ao coñecemento". Así, como moitos centros contan con grupos de colaboradores que participan na xestión e organización das súas bibliotecas, a Xunta quixo recoñecer esta contribución.

En Ponte Sampaio son 21 os voluntarios e 79 no Xunqueira I, polo que case todo o alumnado de quinto e sexto está implicado

No apartado do voluntariado de lectura hai tres modalidades e os dous colexios pontevedreses fan pleno. Por unha banda colaboran coa biblioteca escolar xunto co profesorado, xa que baixo a súa supervisión contribúen ao bo funcionamento, organizando os libros e mesmo xestionando os préstamos e recomendando lecturas. No CEIP de Ponte Sampaio (137 alumnos, 16 docentes) teñen catalogados preto de 3.000 volumes, aínda que na práctica contan con moitos máis. Entre os dous cursos suman 21 voluntarios e as instalacións, explica a mestra reponsable, non se circunscriben a unha aula, senón que se trata dunha biblioteca aberta polos corredores da escola e que mesmo conta cun carriño bibliopatio.

Para os de sexto é o seu segundo ano. "Es muy divertido, tenemos que ordenar libros y aparte de que cuidamos la biblioteca podemos hacer cosas distintas, como contar cuentos a los niños". Confesa que a outros compañeiros este labor "les parece aburrido, prefieren jugar al fútbol". Todos se definen como "muy lectores" mentres apertan a Pinco, a mascota da biblioteca e a preferida dos máis cativos do cole. Antía resume o espírito da iniciativa: "Gústame moitísimo ler e axudar aos demais, compartir isto cos meus compañeiros. E o mellor é ler os contos". O seu compañeiro Manuel tamén se sente "moi contento" e a súa familia máis, pois "na casa gústalles que axude e lea moito, porque nos facemos moi listos lendo".

Para Antía e Rosalía, de quinto, é o seu primeiro ano. "É moi divertido. O que máis me gusta é lerlles os contos aos pequenos. Nos recreos vimos moito", di a primeira, mentres que a segunda, que se sente "xenial" con esta actividade, afirma que "levo querendo vir á biblioteca desde primeiro". O que máis lles gusta "é contarlles contos aos pequenos nas horas de ler, porque é moi divertido".

CONTACONTOS. Esta é a segunda modalidade da iniciativa, a das lecturas compartidas no centro, dentro ou fóra da xornada lectiva, que eles mesmos deseñan e organizan, así como os apadriñamentos lectores.

A terceira categoría é a das lecturas compartidas fóra do centro, xa sexa noutros colexios como en escolas infantís, residencias de maiores ou en hospitais, e que tamén ten moito éxito no CEIP A Xunqueira I, onde contan con 79 voluntarios, 35 en quinto e 44 en sexto, curso no que está apuntado todo o alumnado. Todas as mans son poucas para 7.000 libros catalogados. O curso pasado prepararon un contacontos con escenografía e interpretación incluídas e levárono ao veciño CEIP Vidal Portela, onde tiveron un público de Infantil moi entregado. Cara a vindeira primavera repetirán a experiencia con catro clásicos: El patito feo, A leiteira, La ratita presumida e El traje nuevo del emperador. "Os rapaces están moi implicados, tanto no tempo de lecer como na hora de lectura".

Comentarios