Pablo Méndez participará na Cabalgata dos Reis Magos de Barcelona

A compañía que dirixe o pontevedrés foi convidada a participar cun dos seus espectáculos na Cidade Condal
Un detalle das propostas de Pablo Méndez na Batalla das Flores. ARQUIVO
photo_camera Un detalle das propostas de Pablo Méndez na Batalla das Flores. ARQUIVO

A Cabalgata dos Reis Magos de Barcelona contará coa participación da compañía pontevedresa Pablo Méndez Performances, que foi convidada a participar cun dos seus espectáculos no mítico desfile barcelonés, un dos dous máis grandes de España. "Así, os nenos e nenas cataláns gozarán da beleza das coreografías de Méndez no seu desfile máxico polas rúas da cidade condal o 5 de xaneiro", informa a agrupación.

A Cabalgata de Reis de Barcelona será, coma sempre, un espectáculo dirixido especialmente ao público infantil, "unha das liñas de creatividade que ten en marcha a compañía, que conta cunha estrutura moi versátil capaz de simultanear varias montaxes en festas coma esta". De feito, é habitual que a compañía estea presente ao mesmo tempo en distintos eventos de diferentes lugares, cos seus números de danza aérea ou persoeiros máxicos.

Pablo Méndez é o director dunha das compañías culturais máis importantes de Pontevedra. Ao seu arredor móvense unhas 150 persoas. Actualmente é unha das principais agrupacións de teatro de rúa e performances de España. "A súa sede central de Mourente acolle un espazo operativo para ensaios e xestión desde a que proxectan os seus espectáculos cara a toda España e o resto do mundo". Os seus shows téñense visto en Las Vegas, Miami, Bulgaria, Romanía, Suíza, Chipre, Turquía e Arabia Saudí. Tamén ten acompañado a artistas como Juan Magán nas súas xiras.

FEIRA FRANCA

As creacións de Pablo Méndez Performances tamén se poden ver en Pontevedra. Os eventos máis recentes dos que formaron parte foron a Batalla das Flores e a Feira Franca, ambas propostas incluídas na programación de verán do Concello. O seu traballo caracterízase pola espectacularidade dos seus monicreques xigantes así como polo uso de 'iluminatronics'.