Un pacto entre o Concello e Tomeza alongará a vida das árbores de Nadal

A Comunidade de Montes ofrece unha parcela para efectuar unha plantación que terá lugar o vindeiro 9 de xaneiro
Abetos naturais. DAVID FREIRE
photo_camera Abetos naturais. DAVID FREIRE

A Concellaría de Montes en colaboración coa Concellaría de Festas e a Comunidade de Montes de Tomeza poñen en marcha o programa Rearborízate. "É unha iniciativa que quere alongar a vida das árbores de Nadal naturais que nestas datas encherán de vida e alegría os fogares, comunidades de veciños e centros de traballo dos pontevedreses e pontevedresas", sinalan desde o Concello.

O colectivo parroquial de Tomeza ofrece ao departamento que xestiona Alberto Oubiña (Montes) unha parcela na que os donos das árbores poderán replantar o seu exemplar e gozar del o resto da súa vida.

A plantación está prevista para o vindeiro 9 de xaneiro e todas as persoas que queiran participar no programa deben poñerse en contacto coa Concellaría de Montes no teléfono 986 804 300 (extensión 7583) ou cubrindo o formulario habilitado no web apuntate.pontevedra.gal antes do 5 de xaneiro.

O departamento municipal porase en contacto con cada participante para informarlles das datas de plantación ou, no caso de que só queiran entregar a árbore, onde poderán depositala.

Para que as árbores sexan viables no monte, a Concellaría pide que durante o Nadal (mentres a árbore estea nos domicilios ou centros de traballo) se adopten uns coidados sinxelos, como o de que a árbore debe estar afastada de fontes de calor (como radiadores ou chemineas) e tamén debe estar preto dunha fiestra, e incluso, que lle dea aire fresco. Ademais, require un rego abundante pero sen encharcala (un pouco de auga na base, a diario, será suficiente para que sobreviva) e conservar o seu terrón. "Non deben ter as pólas cortadas, senón non sobrevivirán", apunta o Concello.

A información do programa tamén se repartirá nos stands de Tempo de Nadal da Ferrería que se abrirá o vindeiro xoves, día 17.