A pandemia non logrou deter a onda solidaria do programa Depoemprende

As cooperativas de Primaria e ESO darán a súa achega ás ONG elixidas, mentres que as de FP optan a un premio por vía telemática
2020060313542517358
photo_camera Tres alumnas dunha cooperativa do colexio de Xeve. G.G. (ARQUIVO)

A suspensión das clases presenciais polo estado de alarma freou os proxectos das 28 cooperativas xurdidas este curso en 23 centros educativos da provincia nos proxectos Depoemprende na Escola, na ESO e na FP, pero a vertente solidaria non caerá en saco roto.

Segundo informou a Deputación, trala cancelación do Mercado DepoEmprende no cal as cooperativas prevían vender os produtos, ofrecéronse diferentes alternativas aos centros educativos para que puidesen tomar decisións que se adaptasen ás necesidades e características de cada contexto: venda dos produtos en liña, a persoas da contorna e ao centro educativo a prezo de custe. A venda dos produtos está enfocada a que o alumnado poida recuperar a achega inicial investida. No caso de que se obtivesen beneficios, as cooperativas escolares farán a doazón a acción benéfica coa que se comprometeron. Respecto aos materiais sobrantes, as cooperativas doarán os mesmos á cooperativa do próximo curso escolar, ou ben ao centro educativo para outras actividades.

No caso do CEIP A Xunqueira I, as súas catro cooperativas de 5º e 6º de Primaria entregarán a súa recadación ás protectoras de animais Cadeliños (Barro) e Os Palleiros (Pontevedra). "Salvounos que que cando foi todo isto xa tiñamos a contabilidade feita", explicou a directora, Susana Diéguez. A achega procede dos beneficios de dous mercadiños celebrados no colexio no Nadal e no Entroido.

O CEIP Santo André de Xeve, con tres cooperativas, aínda non ten destinatarios finais para a doazón, pois dependerán dun traballo que están a realizar os escolares implicados, apuntou a mestra Mónica Escalona.

En canto a Depoemprende na FP, rematará coa celebración dos Premios Demo Day. Tras cancelar o acto previsto, o alumnado entregou materiais audivisuais que agora serán avaliados por un xurado para elixir os que serán premiados, con 700 ou 500 euros. Entregaranse nunha celebración telemática.

Comentarios