Que pegadas van deixar na sociedade os efectos económicos desta pandemia?
Esta pandemia está encadeando efectos cos da crise de 2007. Comezaba unha lixeira recuperación da situación económica pero a principios de 2020 colleunos a covid. Afrontar os efectos sociais e económicos desta crise ten receitas macroeconómicas distintas das da crise de 2007, tanto por parte dos gobernos español e galego como da Unión Europea, e espérase seguir investindo neses colchóns sociais como son os ERTE, as medidas anunciadas de apoio ás empresas, ás pemes, á hostalería e o turismo O que acontece é que a estrutura económica española e galega ten unha serie de eivas nas que, cando a cousa vai ben, non chega a redistribución a todo o mundo en igual medida, e no momento no que vén unha crise, a repercusión para as clases medias traballadoras é moi forte, con independencia de que tamén hai unha serie de actividades económicas con repercusións locais moi importantes. Hai sectores que se resinten máis coa crise, especialmente nas pequenas e medianas empresas, nas que hai moitos contratos indefinidos e precarios que repercuten especificamente na xente moza e nas mulleres, pois moitos dos traballos precarios recaen de forma moi forte nelas. Coa carga dunha crise, esas desigualdades marcan máis diferenzas. E todo isto desperta malestar, incertidume... Pero esa incertidume coa que temos que aprender a convivir é o signo dos tempos.
As cicatrices que está deixando esta crise na sociedade son máis profundas que as que deixa unha crise de orixe puramente económica como a de 2007?
Esta pandemia e os seus efectos están vindo sobre chan xa mollado e volven incidir nesa precariedade do tecido económico e en certas dependencias que este ten. Na crise de 2007 foron sobre todo a construción e o rescate bancario, e nesta están sendo a hostalería e o turismo, principalmente nas pequenas e medianas empresas. En Galicia e en toda España hai un peso moi importante das pemes vinculadas a estes sectores e iso ten consecuencias sociais importantes, porque xera unha dependencia económica moi forte deles e faise preciso buscar outras áreas de actividade para diversificar, para xerar negocio. Hai datos que sinalan que é o momento de replantearxe o desenvolvemento de sectores económicos vinculados a actividades que xeren maior valor engadido: o sector alimentario de proximidade, o da cultura, que precisa profesionais formados... Pero atopámonos con que a oferta de emprego tan só absorbe un 20% dos titulados que temos, mentres a maior demanda é de persoal que teña unha FP ou baixa cualificación. Neste contexto é moi difícil xerar esas novas sinerxías. E, mentres, a Administración Pública está tirando de crédito, de débeda pública europea, para actuar de colchón fronte á crise.
Con estas circunstancias, como se prepara unha persoa que teña perdido o traballo, pechado a súa empresa ? Existe unha fórmula para afrontar esta incertidume, para reconstruírse e volver empezar?
Toda a sociedade e os individuos temos certas inercias e cústanos moito rompelas. Moitos dos hostaleiros o que queren é volver á situación previa á pandemia. Si, é certo que a hostalería mudou moito nos últimos 20 anos, pero se a comparas coa doutros países, doutras ofertas... en moitas cousas dánche sopas con hondas. Manter cociñeiros e camareiros profesionais custa, é dicir, investir en persoal cualificado custa, e non é o mesmo que ter empregados a membros familiares que teñen pouco nivel de cualificación. Estamos nun mundo moi competitivo, así que hai que estar reinventándose continuamente, reciclándose, pensando en que podemos facer que non fixeramos xa e que nos permita ter unha oferta atractiva. Reinventarse ou morrer, non hai outra. E iso acontece tanto con alguén que estea a buscar emprego como cunha empresa que ten que atopar novas vías de comercialización. De feito, hai exemplos fantásticos de boas prácticas neste sentido aquí en Pontevedra. A raíz da pandemia e da situación creada, é admirable como moitas das pemes, incluso no Mercado de Abastos, empezaron a asociarse, a ofrecer os seus produtos a través de páxinas web, buscando vías de comercialización alternativas ao tradicional, reinventándose para poder sobrevivir á crise. A pequena e a mediana empresa terá que reinventarse, e a hostalería o mesmo. Por exemplo, toda esta oferta de comida para levar que eclosionou é unha vía coa que moitas cafeterías e restaurantes están funcionando e que lles permite manter encendida a luz para poder volver reactivarse. Moitas destas prácticas perdurarán.
A nosa estrutura económica ten unha serie de eivas, como a desigualdade, e cunha crise márcanse aínda máis