"Hai que reinventarse e reciclarse para poder sobrevivir á crise"

Xesús Lage, profesor de socioloxía na UVigo ▶ A covid está a deixar a empresas, autónomos e traballadores polo camiño 

Xesús Lage, profesor de socioloxía na UVigo. DP
photo_camera Xesús Lage, profesor de socioloxía na UVigo. DP

Que pegadas van deixar na sociedade os efectos económicos desta pandemia?

Esta pandemia está encadeando efectos cos da crise de 2007. Comezaba unha lixeira recuperación da situación económica pero a principios de 2020 colleunos a covid. Afrontar os efectos sociais e económicos desta crise ten receitas macroeconómicas distintas das da crise de 2007, tanto por parte dos gobernos español e galego como da Unión Europea, e espérase seguir investindo neses colchóns sociais como son os ERTE, as medidas anunciadas de apoio ás empresas, ás pemes, á hostalería e o turismo… O que acontece é que a estrutura económica española e galega ten unha serie de eivas nas que, cando a cousa vai ben, non chega a redistribución a todo o mundo en igual medida, e no momento no que vén unha crise, a repercusión para as clases medias traballadoras é moi forte, con independencia de que tamén hai unha serie de actividades económicas con repercusións locais moi importantes. Hai sectores que se resinten máis coa crise, especialmente nas pequenas e medianas empresas, nas que hai moitos contratos indefinidos e precarios que repercuten especificamente na xente moza e nas mulleres, pois moitos dos traballos precarios recaen de forma moi forte nelas. Coa carga dunha crise, esas desigualdades marcan máis diferenzas. E todo isto desperta malestar, incertidume... Pero esa incertidume coa que temos que aprender a convivir é o signo dos tempos.

As cicatrices que está deixando esta crise na sociedade son máis profundas que as que deixa unha crise de orixe puramente económica como a de 2007?

Esta pandemia e os seus efectos están vindo sobre chan xa mollado e volven incidir nesa precariedade do tecido económico e en certas dependencias que este ten. Na crise de 2007 foron sobre todo a construción e o rescate bancario, e nesta están sendo a hostalería e o turismo, principalmente nas pequenas e medianas empresas. En Galicia e en toda España hai un peso moi importante das pemes vinculadas a estes sectores e iso ten consecuencias sociais importantes, porque xera unha dependencia económica moi forte deles e faise preciso buscar outras áreas de actividade para diversificar, para xerar negocio. Hai datos que sinalan que é o momento de replantearxe o desenvolvemento de sectores económicos vinculados a actividades que xeren maior valor engadido: o sector alimentario de proximidade, o da cultura, que precisa profesionais formados... Pero atopámonos con que a oferta de emprego tan só absorbe un 20% dos titulados que temos, mentres a maior demanda é de persoal que teña unha FP ou baixa cualificación. Neste contexto é moi difícil xerar esas novas sinerxías. E, mentres, a Administración Pública está tirando de crédito, de débeda pública europea, para actuar de colchón fronte á crise.

Con estas circunstancias, como se prepara unha persoa que teña perdido o traballo, pechado a súa empresa…? Existe unha fórmula para afrontar esta incertidume, para reconstruírse e volver empezar?

Toda a sociedade e os individuos temos certas inercias e cústanos moito rompelas. Moitos dos hostaleiros o que queren é volver á situación previa á pandemia. Si, é certo que a hostalería mudou moito nos últimos 20 anos, pero se a comparas coa doutros países, doutras ofertas... en moitas cousas dánche sopas con hondas. Manter cociñeiros e camareiros profesionais custa, é dicir, investir en persoal cualificado custa, e non é o mesmo que ter empregados a membros familiares que teñen pouco nivel de cualificación. Estamos nun mundo moi competitivo, así que hai que estar reinventándose continuamente, reciclándose, pensando en que podemos facer que non fixeramos xa e que nos permita ter unha oferta atractiva. Reinventarse ou morrer, non hai outra. E iso acontece tanto con alguén que estea a buscar emprego como cunha empresa que ten que atopar novas vías de comercialización. De feito, hai exemplos fantásticos de boas prácticas neste sentido aquí en Pontevedra. A raíz da pandemia e da situación creada, é admirable como moitas das pemes, incluso no Mercado de Abastos, empezaron a asociarse, a ofrecer os seus produtos a través de páxinas web, buscando vías de comercialización alternativas ao tradicional, reinventándose para poder sobrevivir á crise. A pequena e a mediana empresa terá que reinventarse, e a hostalería o mesmo. Por exemplo, toda esta oferta de comida para levar que eclosionou é unha vía coa que moitas cafeterías e restaurantes están funcionando e que lles permite manter encendida a luz para poder volver reactivarse. Moitas destas prácticas perdurarán.

A nosa estrutura económica ten unha serie de eivas, como a desigualdade, e cunha crise márcanse aínda máis

Comentarios