Panos e mantóns dos séculos XIX e XX chegan a Pontevedra

'Galicia, a terra dos mil panos' reune pezas de distintas procedencias, tipoloxías e teas
Museo de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Museo de Pontevedra. DAVID FREIRE

O Museo de Pontevedra vai acoller desde o vindeiro 24 de xullo ata o 1 de setembro a exposición Galicia, a terra dos mil panos. Nesta colección reúnese unha escolma de máis dun cento de mantóns e tecidos orixinais utilizados en Galicia no século XIX e a principios do XX, algúns destes son "verdadeiras xoias" que pertencen ao colectivo Sete Espadelas e a socios propietarios particulares que os ceden para realizar esta mostra.

A maioría das pezas amosaranse en manequíns para que o público poida apreciar a súa espectacularidade. Outras deberán ir protexidas en vitrinas polo seu gran valor, como un mantón cantonés de 1840 ou outros con motivos chineses brodados en seda e coas caras das figuras policromadas en marfil. Exporanse en Galicia, a terra dos mil panos, en total, nove grupos de téxtiles que se usaban na comunidade autónoma durante finais do século XIX e comezos do XX.

A exposición conta cunha mostra de variadas tipoloxías e tamaños, materias primas, confeccións, adornos, bordados ou técnicas de estampaxe. Poderanse ver panos de corpo e cabeza de decotío, de loito, muradáns ou de namorar –os únicos que levaban os homes–. As pezas máis espectaculares corresponden á colección de mantóns de Manila, traídos a Galicia por mariños que viñan do porto filipino.

Hai que destacar ademais os panos de oito puntas de Paisley, que son téxtiles moi grandes –de 3,5 por 1,5 metros– confeccionados en la e seda, procedentes da India e que pasaron a elaborarse tamén en Escocia. O grupo dos damascos contará con pezas de máis de 120 anos coñecidos como panos de Laire ou panos canarios, fabricados con seda, finos e con flocos.

"É unha oportunidade única para ver unhas pezas téxtiles dunha categoría importante, pode que maxistrais", sinala o comisario da exposición, José Luis Rodríguez. "A xente que se achegue á mostra debe saber que son pezas moi particulares e difíciles de volver a ver, xa que se non é nun museo con estas características, coas condicións de luz –practicamente a escuras para non danar os tecidos– e seguridade, non podería facerse" explica.

Comentarios