Para elas, a moda é arte

As gañadoras do Debut 2016, María Paz e Liliana Castiñeira, comparten o seu interese pola costura dende cativas, a visión do deseño como creación e a opinión de que o paso pola escola de Esdemga é duro e esixente
Liliana Castiñeira (esquerda) e María Paz, na Esdemga, cortando unha tea
photo_camera Liliana Castiñeira (esquerda) e María Paz, na Esdemga, cortando unha tea

María Paz (Pontevedra, 1980) e Liliana Castiñeira (Friol, Lugo, 1988) cosen dende nenas. "Vénme case de familia. A miña avoa calcetaba moito, a miña nai tamén cose... Sempre me gustou", di Paz, que xustifica así terse matriculado nos Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) no canto de, por exemplo, Belas Artes. "Eu empecei a coser cando tiña catro anos", concreta Liliana Castiñeira. "Encapricheime en Toys 'R' Us dun bastidor moi pequeniño, que traía unha flor para bordar. Empecei con el e xa nunca o deixei".

María Paz
"Estes estudos son moito máis duros do que parece. Esixen moitas horas e adicación"

Non é o único punto en común entre as mozas. Ámbalas dúas estudaron outras cousas antes de entrar en Esdemga; entenden a moda dende unha perspectiva artística; cren que a escola pontevedresa ten un alto nivel de esixencia ("esta carreira é máis dura do que parece, esixe moitas horas e adicación", di Paz; "non ten nada que ver coas expectativas frívolas que os medios poden transmitir sobre a moda", engade a súa compañeira), e veñen de gañar ex aequo o premio ao proxecto de fin de estudos que se entrega no Debut. Isto último nunca pasara antes.

"Para min supón un recoñecemento ao traballo", conta María Paz. "Eu levo con esta colección na cabeza como dous anos. Porque non son desta promoción de Esdemga, son de dúas anteriores, pero tiven que aprazar o proxecto por cuestións persoais". O proxecto do que fala é Estancias. "Partín dunha reflexión sobre a identidade, que eu entendo como un lugar, un espazo que se vai construíndo ao longo do tempo. Nel aparecen recordos, vínculos... A partir dese concepto fun creando as miñas pezas, que confinan á persoa a través da patronaxe e tamén dos complementos, que van dende guantes a capotas".

Liliana Castiñeira
"Que é difícil adicarse ao mundo da moda? Difícil é todo. Sempre vas ter que buscar a vida, sexa no que sexa. Se un quere adicarse en serio a algo, vai ter que pelexar"

Looking for Miranda, unha colección inspirada en dúas pelí- culas, Picnic at Hanging Rock, de Peter Weir, e The Warriors, de Walter Hill, foi a que presentou Liliana Castiñeira. "Trátase de dous filmes moi diferentes, así que a colección tamén está formada por dous tipos de deseños. Unha parte representa a pureza, a través do branco, e a outra representa a nocturnidade e a agresividade, a través do negro". Para ela, recibir o premio foi unha felicidade. "A verdade é que foi unha sorpresa moi grande e unha alegría, sobre todo ao gañalo con María".

Nin Paz, que está licenciada en Bioloxía e traballa con Paspallás no Salón do Libro e na Feira Franca, nin Castiñeira, que fixo Maxisterio Musical, se senten herdeiras dos deseñadores galegos que acadaron sona nos 80. "O noso é outro xeito de entender a moda.

Algo moi diferente. O paso pola escola neste sentido foi fundamental", din. "Para min, a moda está relacionada directamente coa creación artística e non tanto co consumo de roupa. Non quita que unha cousa derive noutra, pero agora mesmo para min é arte", explica a deseñadora pontevedresa. "A moda é unha forma de creación. Está relacionada co desenvolvemento dun proxecto, máis que co que se pode ver nas redes sociais ou nos blogs", engade Castiñeira, que ten claro que lle gustaría adicarse a isto. "Que é difícil? Difícil é todo. Sempre vas ter que buscar a vida, sexa no que sexa. Se un quere adicarse en serio a algo, vai ter que pelexar".

Comentarios