"Para quedar? A troca de libros chegou para medrar"

A feira literaria de segunda man, na que participaron dez centros educativos e ANPA da cidade, moveu arredor de 5.000 exemplares

Familias enteiras acudiron á troca de libros para recoller os exemplares cos seus vales. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Familias enteiras acudiron á troca de libros para recoller os exemplares cos seus vales. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Éxito rotundo. A primeira edición da troca de libros, unha feira literaria de segunda man que se estreou nesta edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, ten a súa continuidade asegurada despois de que este domingo movera arredor de 5.000 exemplares. "Se chegou para quedar? Chegou para medrar", afirmou rotundamente Eva Mejuto. A coordinadora do Salón, xunto co director do IES Torrente Ballester, David Castro, mostráronse moi satisfeitos pola boa acollida desta iniciativa, que se extende a toda a cidade despois de terse celebrado hai dous anos neste instituto.

Desta volta participaron dez entidades, entre colexios (Vilaverde, Marcos da Portela, Calasancio, Sagrado Corazón e Crespo Rivas), institutos (Torrente) e ANPA (Marcón, O Miradoiro, Xocas e O Pino). Cada unha recibira 500 vales e esgotáronos todos. Durante as últimas semanas os membros da comunidade educativa -e tamén cidadáns alleos- levaran os libros dos que querían desprenderse e a cambio fóranlle entregado o mesmo número de vales.

"Estamos facendo un esforzo para atraer ao público xuvenil", explica Eva Mejuto, coordinadora do Salón do Libro

Durante a mañá do domingo era o momento para trocalos por outros libros. Alí estaban, por exemplo, Geni e as súas fillas María e Uxía, alumnas do Sagrado, encantadas coa iniciativa, ou Sara, con 17 vales para descubrir novas aventuras a cambio de entregar os seus libros "de cuando era pequeña".

Rocío e Alejandro acudiron coas súas fillas Celia e Lucía, de oito e doce anos. As rapazas, tamén alumnas deste centro concertado, trocaron 13 boletos por libros "entretenidos, de misterio y brujería". "Vinimos a primera hora para coger lo mejorcito -explica a nai-. Así cambiamos los cuentos de cuando eran pequeñas por otros más adaptados a su edad. Es una idea buenísima, el año que viene traeremos más".

Judith, Ana e María son mestras na EEI Crespo Rivas e o domingo estaban ao cargo do posto desta escola, onde despacharon 400 volumes e triunfaron os ilustrados. "O vienen con uno o dos vales o traen doce", comentan.

Castro subliñou a variedade da oferta, que incluía libros infantís, novelas para adultos e mesmo enciclopedias e en varios idiomas. "O máis bonito é a implicación das familias e os colexios. Así agora temos libros para ler, para comprar e para trocar", destacou Mejuto, que xa ve esta iniciativa practicamente consolidada no Salón e como un atractivo máis para os adolescentes. "Estamos facendo un esforzo para atraer ao público xuvenil, xa que o infantil e familiar está totalmente entregado". Considera "moi interesante" darlles unha segunda vida aos libros. "Eu creo que vai ser un clásico no Salón".

Última semana. O Salón do Libro prepárase para a súa clausura
A vixésima edición do Salón do Libro encara os seus últimos días de actividade despois dunha exitosa fin de semana.

Durante estes días sucederanse visitas guiadas, encontros lectores, obradoiros gastronómicos e contacontos. No programa destacan dúas citas: o fallo do xurado do Premio de Narrativa Xuvenil María Victoria Moreno (día 10) e o concerto de clausura (venres 12, 18.00 horas, con entrada libre ata completar o aforo do Auditorio), a cargo do alumnado do Rock Lab.

Comentarios