O parque de Bombeiros de Pontevedra estrea tecnoloxía pioneira e única en Galicia

Oos novos equipamentos permiten rebaixar ata un minuto a resposta ante unha intervención
photo_camera Visita ao parque de Bombeiros de Pontevedra. CONCELLO

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, e o director xeral desta área, Daniel Macenlle, realizaron unha visita na mañá deste mércores ao parque municipal de Bombeiros para coñecer de primeira man as obras realizadas nas instalacións e os novos equipamentos e aplicacións tecnolóxicas adquiridas polo Concello para mellorar o funcionamento do Servizo.

Estas actuacións supuxeron un investimento de 225.000 euros e, segundo indicou Lores, "teñen que ver cunha renovación importante de equipos de rescate e de actuación fóra do parque, que van na liña de mellorar a protección dos propios traballadores e da innovación tecnolóxica para definir o tipo de actuación que se ten que facer xa desde o primeiro momento da chamada".

O xefe do parque municipal de Bombeiros, Vicente Ferrería explicou que neste momento o parque de Pontevedra é o único de toda Galiza que conta cun tipo de equipamentos e de tecnoloxía punteira e innovadora. Trátase da aplicación GesParques que permite combinar información relativa ás chamadas entrantes, as rutas máis idóneas para atender as intervencións, avisos internos, e xestión de persoal, de vehículos, de inventarios e da base de datos das intervencións.

Segundo explicou o responsable do Servizo, o uso de GesParques e dos novos equipamentos permiten reducir a un minuto o tempo de reposta nunha intervención, entre a entrada da chamada e a saída do parque.

En canto aos novos equipamentos, salientou a integración dun arnés no traxe de intevención en incendios, que foi realizado especificamente evitando o uso de pezas metálicas. "Contamos con toda a tecnoloxía punta e de vangarda que está saíndo, a petición do responsable do Servizo, para equiparnos coa mellor dotación posible para que cumpran correctamente as súas funcións" asegurou o rexedor.

No relativo a equipamentos, tamén se adquiriron novos EPI's de rescate técnico de acordo á nova uniformidade de rescate en incendios forestais e novos cascos Drager.

Ademais, procedeuse a cambiar as pontes de iluminación de todos os vehículos a cor azul para adaptalas á nova normativa. En canto ás melloras nas instalacións, renováronse as taquillas, habilitouse un novo acceso pola zona norte do hangar (lindando coa antiga estrada de Vilagarcía) e ampliáronse espazos dentro do hangar para adaptar os trens de saída de vehículos.

Comentarios