A parroquia de Lourizán tamén contará con leds para a súa iluminación

O Concello destinará preto de medio millón de euros en mellorar a zona, do cal case a metade corresponde a esta actuación
Vista aérea da parroquia de Lourizán, co colexio Sagrado Corazón na parte inferior da imaxe. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)
photo_camera Vista aérea da parroquia de Lourizán, co colexio Sagrado Corazón na parte inferior da imaxe. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)

O Concello de Pontvedra investirá un total de 470.835,27 euros en diversas actuacións que se desenvolverán a curto prazo na parroquia de Lourizán. Así o anunciou este luns a portavoz do goberno, Anabel Gulías, quen fixo un repaso tanto das obras que se están realizando neste momento como as que se levarán a cabo de forma inmediata.

En primeiro lugar, está prevista a substitución das luminarias leds de Lourizán naquelas rúas e camiños nas que aínda non se implantara –a parte da parroquia máis próxima a Marín xa dispón desta tecnoloxía grazas a un proxecto conxunto que se realizara anteriormente co Concello marinense–. As obras contan cun investimento de 217.871,27 euros.

Lourizán será, desta forma, a cuarta parroquia do rural pontevedrés –despois de Bora, Ponte Sampaio e A Canicouva– que entra dentro do proxecto de implantación progresiva de tecnoloxía led no alumeado público que o goberno local de Pontevedra iniciou para avanzar nos parámetros de eficiencia enerxética e sustentabilidade xa implantados no centro e nos barrios urbanos.

MÁIS TRABALLOS. Ademais, Gulías tamén anunciou un proxecto de reurbanización de parte da avenida Marqués de Valterra, entre os números 93 e o 71, no barrio de Estribela, Esta obra está incluída dentro dos fondos da ARI, cun orzamento de 68.155 euros, e contempla o redimensionamento e substitución da rede de pluviais, ademais de introducir o saneamento nos tramos onde non existía.

A portavoz do Concello tamén lembrou que tamén se está executando a rehabilitación e o asfaltado das vías que van de Rorís a Meán e O Rial, cun orzamento de 184.809 euros.

Por último, anunciou que nas vindeiras semanas se levará a Comisión a obra de Martín Raxó, e que se levará a cabo un proxecto de colocación de novas placas co nome das vías e os números dos edificios para subsanar problemas con servizos de reparto e de Correos, derivados do deterioro ou numeracións contraditorias.

Comentarios